Os salarios baixaron en Galicia un 0,4% en 2020, menos que a media estatal

No conxunto do Estado o retroceso foi do 0,6%.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/06/2022 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Os salarios baixaron en Galicia un 0,4% en 2020, ano no que se declarou a pandemia, segundo o Índice de Prezos do Traballo publicado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que recolle que no total de España os salarios diminuíron un 0,6%.

Este indicador mide a variación do custo salarial que pagan as persoas empregadoras polo conxunto de empregos existentes, pero sen estar afectado polos cambios na cantidade e a calidade dos postos de traballo. Desta forma, descóntase o efecto composición que se debe, entre outros factores, aos cambios no número de horas traballadas, ao tipo de contrato, características dos traballadores, a súa antigüidade e a súa promoción profesional.

Así, Galicia encadea dous anos consecutivos de descensos, xa que en 2019 rexistrou unha caída do 0,7%, mentres que en 2018 subiu un 5,2%.

A nivel estatal, o retroceso salarial do 0,6% rexistrado en 2020 contrasta coa política salarial exposta no Acordo Interconfederal para o Emprego e Negociación Colectiva (AENC) 2018-2020, que recomendaba subidas salariais da contorna do 2% máis un punto porcentual ligado a conceptos como a produtividade, os resultados empresariais e o absentismo laboral.

A irrupción da pandemia en marzo de 2020 levou a moitas empresas a incluír ao seu persoal en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). De feito, 3,4 millóns de traballadores chegaron a estar nun ERTE no pico máis alto da pandemia, en abril de 2020.

Os datos do IPT mostran que o salario descendeu aquel ano tanto entre as mulleres (-0,5%) como nos homes (-0,6%), subiu un 0,6% entre os contratados de maneira temporal e retrocedeu en todos os grupos de idade, especialmente entre os traballadores de 25 a 34 anos (-1,2%).

Un autónomo bota o peche do seu negocio tras a súa xornada laboral. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Un autónomo bota o peche do seu negocio tras a súa xornada laboral. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta