"As axudas ás familias monomarentais non poden ser caridade, hai que avogar pola corresponsabilidade social"

Inma Alonso é a presidenta de Fagamos - Familias Galegas Monomarentais -, unha asociación que vén de ver a luz en Galicia co obxectivo de orientar, dar apoio e reivindicar unha equidade respecto do modelo de familia tradicional biparental.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Baixo o paraugas das denominadas familias monomarentais entran diversidade de casuísticas: aquelas que decidiron ser nais sen parella por elección, aquelas que o son por divorcio, por ausencia do proxenitor, por viuvez... Unha realidade ampla, complexa, maiormente feminizada e en aumento nos últimos tempos: máis do 10% das familias galegas son monoparentais e o 69% delas están encabezadas por mulleres. A metade atópase en risco de exclusión social e pobreza, unha situación ante a que as administracións adoptan unha "visión asistencialista" que non dá ferramentas para desenvolver con dignidade un proxecto vital. 

Nai e o seu bebé
Nai e o seu bebé | Fonte: EP - Arquivo

Cando menos isto é o que denuncia a Asociación Fagamos, de familias galegas monomarentais, que avoga por impulsar fórmulas de corresponsabilidade social, aquela que interpela a todos os actores sociais para asumir a responsabilidade de favorecer a conciliación ou participar nos traballos de coidados. Sobre isto, e tamén sobre as trabas que estas familias atopan a nivel administrativo e os prexuízos sociais aínda non superados, falamos con Inma Alonso, presidenta de Fagamos, que acaba de presentarse publicamente en Santiago de Compostela.

Como bota a andar esta asociación?

A asociación, aínda que ve a luz agora, naceu hai dez anos cando tiven aos meus cativos mediante un tratamento de fecundación. Ante esa decisión, eu contemplara as dificultades que podía atopar a nivel laboral e económico, pero o que non me imaxinei en ningún momento era que ía bater cunha serie de trabas administrativas e unha falta de rede ante a situación de familias coma a miña. Todo comezou no mesmo momento en que fun rexistrar os cativos no rexistro civil: decidín poñerlles o meu apelido en orde inversa e o funcionario non tiña nin idea deste procedemento. Botei toda a mañá no rexistro para un trámite que adoita facerse en 10 minutos. Aí empecei a percibir o descoñecemento que hai da situación por parte do funcionariado e da administración mesma, busquei apoio e rede que me dera soporte e orientación neste sentido e vin que non había nada, así que hai tres anos puxémonos en serio varias mulleres nais e démoslle forma a este proxecto. 

Con que obxectivos nace? 

Fundamentalmente tres: dar apoio a outras familias monomarentais que se atopen na mesma situación ca nós, reivindicar a equidade de dereitos respecto do modelo tradicional biparental no que todo está baseado, e ser altofalante destas familias ante a sociedade. 

Presentación da asociación de Familias Galegas Monomarentais FAGAMOS
Presentación da asociación de Familias Galegas Monomarentais FAGAMOS | Fonte: remitida

"Moitas veces a imaxe que se transmite de nós é que estamos a pedir un trato especial ou privilexiado e que somos pouco menos que unhas comedebaldes, cando o que pedimos é que nos equiparen en dereitos a outras familias"

Como é ser nai sen parella nunha sociedade que, como dis, ten a familia tradicional biparental como modelo para todo?

Desde o punto de vista social, non adoitamos atopar rexeitamento e o estigma das nais solteiras xa se superou, pero hai moito descoñecemento e certos prexuízos vinculados ao ámbito económico e administrativo. Moitas veces a imaxe que se transmite de nós é que estamos a pedir un trato especial ou privilexiado e que somos pouco menos que unhas comedebaldes, cando o que pedimos é que nos equiparen en dereitos a outras familias. As políticas vendefume e os grandes titulares provocan confusión en moita xente, que pensa que temos máis beneficios dos que realmente temos. 

Primeiro de todo hai confusión co que é ser unha familia monomarental. Monomarental non é só unha nai por decisión propia sen unha parella ao lado. Hai outras moitas situacións sobrevidas por outras moitas circunstancias: un pai ou nai que queda viúva, vítimas de violencia de xénero, persoas cuxo compañeiro ten unha enfermidade grave e non exerce funcións de coidado e responsabilidade dos fillos... Nós como asociación non queremos representar só a nais soas por elección, queremos chegar a todo ese abano de monomarentalidade. 

Abrindo ese abano vese a realidade dunha maneira moito máis ampla... Un dos datos máis relevantes sobre a situación das familias monoparentais é que o 53,3% delas se atopan en risco de exclusión ou pobreza. A que se debe?

A causa é a falta de corresponsabilidade social. Se xa é complicado para calquera familia compaxinar o traballo coa crianza no modelo de sociedade que temos, imaxínate no caso noso, cunha soa persoa, un só soldo, unha soa rede familiar, no caso de que a haxa... Se queres criar e traballar á vez, non che queda máis remedio que pedir unha redución de xornada ou dedicar diñeiro a coidadores. As familias monoparentais non somos por definición pobres, pero vémonos empobrecidas polas nosas circunstancias, porque somos rexeitadas polas empresas cando quedamos embarazadas. Aí hai unha fenda moi grande. A primeira lectura dalgunhas persoas e empresas é que vimos prexudicar, pero nós pensamos que é ao contrario. Somos o modelo de familia que máis está medrando. O tradicional está estancado! Parécenos de perogrullo que as políticas de impulso demográfico non se traduzan na práctica en apoiar a estas familias que estamos contribuindo coma calquera outra. 

"Hai que habilitar mecanismos de corresponsabilidade nas empresas e dende as administracións, e hai que dar ferramentas que permitan ás persoas poder autoxestionarse e acadar os ingresos que precisan para atender a súa familia"

Pensas que inflúe a clase social en como é percibida socialmente a monomarentalidade?

A aporofobia é transversal a todas as realidades, e a nosa situación está atravesada por moitas circunstancias. Persoas migrantes, rapazas que sufriron abandono familiar moi novas, vítimas de violencia de xénero, mulleres ou fillos con discapacidade... Poden ser máis xulgadas. Aínda existe a idea de que somos frías e está instaurado o 'ti o buscaches', o 'querías fillos? Pois agora apanda coa túa decisión'. Isto provoca un sentimento de culpa, e é inxusto. O problemático é que esa decisión te avoque a unha situación de exclusión cando non estás facendo nada malo. Si existe esa estigmatización. E moitas das axudas económicas que dan tenden a non dignificar a persoa proxenitora, senón que son caridade. Isto non debera ser así. Hai que habilitar mecanismos de corresponsabilidade social, nas empresas e dende as administracións, e hai que dar ferramentas que permitan ás persoas poder autoxestionarse e acadar os ingresos que precisan para atender a súa familia. É fundamental superar unha visión asistencialista para evitar a situación de marxinalidade de moitas familias monomarentais. Unha tarxeta para ir a Cruz Vermella non soluciona o problema de raíz.

Con que situacións de falta de equidade vos atopades con respecto ás familias biparentais?

Unha familia numerosa con dous fillos na que hai un só proxenitor por viudez segue mantendo o recoñecemento de numerosa con todos os beneficios que iso leva consigo. En cambio, unha nai tamén con dous fillos sen unha situación previa de matrimonio e viudez non é recoñecida como numerosa e non ten eses dereitos vinculados. Outro exemplo: cando nace o cativo, nas familias biparentais existen os permisos de maternidade e de paternidade, pero no noso caso, tan só temos un. É dicir, o noso fillo goza da metade de tempo de coidados na casa que o fillo dunha familia biparental. Vas facer a declaración da renda, queres marcar o teu modelo de familia e non existe. A desgravación que temos nós está moi por baixo da que ten unha familia biparental. Entendo que non é mala fe, pero os modelos están obsoletos. A sociedade vai moi por diante do que vai a administración e as políticas. 

"Precisamos un marco xurídico que nos ampare, que nos normalice, e tamén que se eduque na diversidade de modelos de familia"

Cales son as vosas reivindicacións máis urxentes?

Precisamos un marco xurídico que nos ampare, que nos normalice, e tamén que se eduque na diversidade de modelos de familia. Agora mesmo estamos á espera de ver en que liña irá o decreto que prepara a Xunta de Galicia. O primordial é a creación dun rexistro de familias monoparentais, para poder cuantificarnos - os datos existentes hoxe en día refírense a fogares, pero hai moitas familias monoparentais ocultas en fogares que non son monoparentais -; e para poder categorizar todas estas familias, dependendo dos perfís, das necesidades... Será entón cando se poderá deseñar un plan de apoio para todas elas. Tamén é importante que nos dean unha certificación, como acontece coas familias numerosas, para que, por exemplo, cadeas de alimentación ou empresas poidan impulsar descontos. Poden igualmente facerse políticas de apoio desde os concellos, hainos que aplican bonificacións aos recibos de auga, pero precisamos unha uniformidade de criterios.

"Ser nai é un camiño na vida de entre outros moitos. Se non se dan as circunstancias, podes atopar a túa realización, satisfacción e sentido vital noutras moitas cousas"

Para rematar, Inma, que lle dirías a unha muller que sente medo de formar unha familia monoparental?

Se o sente de corazón, adiante, é unha experiencia fantástica, pero que sexa consciente de que a renuncia vai ser unha constante no seu día a día. Ten que sentirse coa fortaleza para poder afrontar todas estas situacións, polo menos no marco actual. E ten que saber que unha situación económica folgada no punto de partida sempre pode mudar. Mais, desde a miña experiencia, compensa. A loita custa e queima, pero faite medrar como persoa e, no meu caso, é o que dá sentido a moitas das cousas que desenvolvo no día a día. E tamén me gustaría dicirlle que se non se pode, non pasa nada. Ser nai é un camiño na vida de entre outros moitos. Se non se dan as circunstancias, podes atopar a túa realización, satisfacción e sentido vital noutras moitas cousas. Se está decidida ou se o anda pensando, convidaríaa tamén a poñerse en contacto coa asociación para recibir apoio e orientación, ou falar con outras nais. E outro consello: se ten claro que quere ser nai pero precisa agardar un tempo ata que chegue ese momento de maior seguridade, quizais a unha idade máis avanzada onde a reserva ovárica diminúe, que vaia a unha clínica de reprodución asistida e mire as opcións para conxelar os seus óvulos. É algo que pouco se sabe pero é importante.

Inma Alonso, presidenta de Fagamos (Familias Galegas Monomarentais)
Inma Alonso, presidenta de Fagamos (Familias Galegas Monomarentais) | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta