CIG-Saúde presenta unha iniciativa no Parlamento para recuperar "salarios roubados en 2009"

Subliña que "estaban asinados na Mesa Sectorial e publicados no DOG" para pagar a "actividade máis penosa" no Sergas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2022 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde rexistrou este venres, 1 de xullo, 4.500 firmas para que se debata unha proposición non de lei de iniciativa popular no Parlamento galego na que reclaman para os traballadores do Servizo Galego de Saúde a "recuperación dos salarios que no ano 2009 coa derrogación dos acordos que estaban asinados na Mesa Sectorial e publicados no DOG".

Así o manifestou, na entrada do Parlamento galego o responsable de CIG-Saúde, Manuel González, en declaracións aos medios, quen subliñou que se trata dunha contía que "formaba parte" xa das súas retribucións.

"Eran uns acordos que tentaban retribuír a actividade máis penosa que se realiza no sistema: as gardas ou os excesos de xornada, a nocturnidade ou a festividade ou as quendas rotatorios e de pór os salarios no nivel medio do resto de salarios do sistema de saúde de todo o Estado", explicou.

Respecto diso, o responsable de CIG-Saúde puntualizou que "ese era o obxectivo do acordo retributivo" e, lembrou, "na lei de acompañamento dos orzamentos que entraron en vigor en 2010 derrogáronse eses acordos publicados no DOG" e deixaron "de percibir esa parte" dos salarios.

Aínda que comentou que "noutras administracións co paso do ano fóronse recuperando acordos e salarios coa desculpa de que a situación mellorase", argumento da Administración para a suspensión desas retribucións, "houbo unha recuperación económica suposta, que ao persoal do Sergas non chegou nunca". "Por tanto, entendemos que é unha débeda que ten a Administración cos traballadores da sanidade", sostivo.

"O que estamos a pedir é o que xa tiñamos acordado e publicado no DOG, que formaba parte do noso salario e chegou o momento de que se nos devolva", alegou o portavoz de CIG-Saúde, que estivo acompañado doutros compañeiros do sindicato de varios puntos de Galicia.

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia. / Europa Press
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta