O delegado do Goberno central pide non politizar o derrube do viaducto da A-6

O BNG ve "insuficientes" as medidas do Goberno polo derrube da A-6 e esixe responsabilidades. O presidente da Deputación de Lugo critica á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, por "cuestionar todo o que expón o ministerio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou que politizar o derrube do viaduto de Castro na A-6 "non leva a ningún lado". Así, censurou as críticas da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que este xoves aseguraba que a solución provisional do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de habilitar máis quilómetros de tráfico en dobre sentido "non achega solucións aos transportes especiais".

En declaracións aos medios este venres, Miñones asegurou que "o importante" é que o Goberno puxese encima da mesa "unha solución que vai reducir de 11 a catro quilómetros o desvío". Nesta mesma liña, puxo en valor que este desvío "vai reducir o tempo que agora mesmo teñen que transitar non só os vehículos lixeiros, senón tamén os transportistas" por Pedrafita.

Neste sentido, incidiu en que o obxectivo do Ministerio é que en agosto xa estea a funcionar esa variante e que a afección sexa moito menor. Ademais, sinalou que esta proposta xa lla deron a coñecer aos transportistas nunha reunión coa secretaria de Estado de Infraestruturas e Transporte, anterior á celebrada este xoves en Pedrafita do Cebreiro e, engadiu, coñecen así "a problemática concreta dos transportes especiais".

Por iso, continuou, o Goberno dáse "15 días de prazo para que os técnicos da Xunta tamén acheguen solucións que poidan ver con técnicos do Ministerio e conseguir que ese desvío a través do túnel sexa para o dobre sentido e evitar así a problemática do tránsito a través de Pedrafita".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, en rolda de prensa. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, en rolda de prensa. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "insuficientes" as medidas anunciadas polo Goberno tras o derrube do viaduto do Castro, Vega de Valcarce, na A-6, e volveu a esixir que se depuren responsabilidades.


A preguntas dos xornalistas, dixo que o Executivo reaccionou "tarde, mal e con opacidade". "Seguimos sen coñecer cales son as causas, sen un cronograma claro", engadiu sobre cando se podería producir a reapertura da ponte.  Ademais, considerou que as medidas que se anunciaron "son insuficientes". "É evidente que aquí ten que haber unha resposta máis rápida, saber que paso e que responsabilidades hai detrás".

Pontón cualificou tamén de "inaudito" que poida caer unha ponte "que levaba construído 20 anos". "Algunha responsabilidade ten que haber", insistiu tras incidir no "mazazo" para o transporte de mercadorías e para a mobilidade.

A portavoz nacional do BNG fixo estas manifestacións despés de que se presentase este xoves a solución provisional do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o tráfico en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e que consiste na habilitación de máis quilómetros de tránsito en dobre carril por sentido (dirección Madrid e A Coruña) pola autovía, o que permitirá acurtar os tempos en 5 e 9 minutos en función do momento do día.

JOSÉ TOMÉ

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, afeou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que "cuestione todo o que expón o ministerio (de Transportes)" sobre as obras no viaduto caído na A-6.  Así, censura a actitude de Ethél Vázquez tras a reunión celebrada na tarde do xoves no centro de control de túneles de Pedrafita do Cebreiro encabezada polo secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores.

"Alí tratou de que ou valían as súas propostas ou senón o resto de solucións eran malas. Esa non é unha forma de colaborar cando a Xunta ten unha estrada, desde fai tres meses, no Courel sen darlle unha solución e pretende que outras cousas máis complexas que a do Courel se lle dunha solución rápida, sen estudar as causas, nin cales son as mellores solucións e que non haxa problemas de seguridade para os traballadores e logo do tráfico cando se abra á circulación", abundou.

Tomé aproveitou para "agradecer" ao secretario xeral de Infraestruturas que "viñese ata Lugo a dicir cales son as propostas do Ministerio e se era posible recoller propostas doutras administracións". "E el estivo aberto a esa posibilidade de atender ao que diga a Xunta e a Xunta de Castela-León e entre o tres atopar a mellor solución posible", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta