Formoso, ao PPdeG: "Menos romarías e máis ciencia e traballo para a mocidade galega"

O líder dos socialistas galegos pide á Xunta "unha mínima sensibilidade" coas clases baixas e medias .

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/07/2022 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediu este domingo á Xunta que mostre "unha mínima sensibilidade" coas clases baixas e medias de Galicia. Formoso volveu a criticar que o Goberno galego suprimise a Tarxeta Básica, que facilitaba axudas económicas a familias en situación vulnerable para comprar produtos de alimentación, hixiene ou farmacia.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso | Fonte: PSdeG.

Este domingo, en Santiago, antes de participar no último tramo da Special Olympics, Formoso sinalou que Alfonso Rueda "se equivoca" ao pensar que a situación de excepción da economía, respecto da pandemia, "xa pasou". Así, o líder dos socialistas galegos lamentou que "segue habendo moitas familias pasando dificultades económicas", polo que "non ten sentido eliminar a Tarxeta Básica".

Así mesmo, criticou que a Xunta "non adopte nin unha soa medida para as clases medias e baixas" que, engadiu, "sofren o custo da vida e o custo dos combustibles", especialmente, continuou, sectores estratéxicos da economía galega como os gandeiros, agricultores, pescadores e transportistas.

Por iso, Formoso insistiu en demandar ao Goberno galego que mostra "unha mínima sensibilidade" coas clases medias e baixas de Galicia.

Neste sentido, asegurou que a Xunta ten a posibilidade de adoptar medidas como dedicar parte do que recada por cada litro de combustible que cada galego consome nas estradas galegas a unha liña de axudas aos sectores estratéxicos e a toda a sociedade galega.

Ademais, defendeu que o PSdeG xa puxo enriba da mesa un decálogo de medidas "amplas e solventes" que pretenden "dar unha saída á situación das familias galegas".

"NON SOMOS DE ROMARÍAS, SOMOS DE ILUSIONAR"

Por outra banda, preguntado pola romaría celebrada este sábado polo Partido Popular no municipio coruñés do Pino, Formoso sinalou que os socialistas non se preocupan por romarías: "Nós non nos preocupamos de romarías, somos de ilusionar aos pobos e ás cidades de Galicia".

Así, o secretario xeral destacou que nos anteriores comicios municipais, o PSdeG obtivo máis alcaldías que o PP "por primeira vez na historia; que gobernan en tres das catro deputacións; que gobernan en Vigo, Ferrol, Lugo ou A Coruña, e en 110 localidades. Por iso, defendeu que son "a forza política que máis se parece a Galicia" e que son capaces de "ilusionar" con "tranquilidade e respecto das tradicións, pero sen deixar de ser ambiciosos".

Para concluír, Formoso asegurou que non lle preocupan ese tipo de romarías, senón que a romaría do PSdeG é estar, como este domingo, "apoiando un colectivo de discapacitados" ou "soñar en Santiago coa apertura dun novo camiño que permita aos investigadores poder quedar aquí a traballar". "Menos romarías e máis ciencia e traballo para a mocidade galega", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta