O desemprego baixa en 5.188 persoas en Galicia en xuño, terceiro maior descenso entre comunidades

Os desempregados están por baixo dos 2,9 millóns por primeira vez desde o outono de 2008.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2022 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) situouse nun total de 140.932 en Galicia en xuño, o que supón un descenso de 5.188 persoas, terceiro maior descenso en cifras globais entre comunidades.

O paro reduciuse en 42.409 desempregados en España en xuño (-1,4%), cun total de parados por baixo dos 2,9 millóns por primeira vez desde o outono de 2008. O recorte do desemprego en Galicia foi maior que a media (-3,55%).

Na comparativa con xuño de 2021, hai 16.786 parados menos en Galicia (-10,64%). Esta diminución é máis acusada o Estado (-20,30%), o que se traduce nunha caída interanual de 733.757 persoas.

Un desempregado no paro vai a oficina de emprego
Un desempregado no paro vai a oficina de emprego | Fonte: Inem EUROPA PRESS - Arquivo

BAIXA EN TODAS AS PROVINCIAS

O paro baixa en todas as provincias galegas en xuño, co descenso relativo máis acusado en Lugo (-4,82%), con 675 desempregados menos, queda nun total de 13.320. Pontevedra conta coa caída máis significativa en cifras globais, con 2.575 menos (-4,48%), con 54.920. Pola súa banda, na Coruña hai unha baixada de 1.542 (-2,67%), con 56.307 desempregados. En Ourense, son 16.385, 396 menos (-2,36%). Na comparativa interanual, tamén hai unha tendencia á baixa xeneralizada: Lugo (-13,4%), A Coruña (-11,2%), Ourense (-9,97%) e Pontevedra (-9,5%).

Do total de parados en Galicia, 58.601 son homes e 82.331 son mulleres. Os desempregados menores de 25 anos son 5.650, 2.920 homes e 2.730 mulleres.

O SECTOR SERVIZOS LIDERA A SUBIDA

Por sectores, o sector servizos lidera a caída do paro (-3.673), con 98.786 desempregados en total. Séguelle a industria (-814), con 15.138 parados. Na agricultura baixa en 337, con 5.069 parados. O descenso na construción é de 297 (10.150 en total).

Tamén baixa o grupo de sen emprego anterior (-69), que acumula un total de 11.789. Hai 10.015 desempregados estranxeiros en Galicia.

En canto aos contratos, Galiciaa sumou 80.342 en xuño, o que supón 10.785 máis que o anterior mes (+15,5%), aínda que retroceden respecto ao sexto mes de 2021 en 5.622 (-6,5%). Do total, 29.795 foron indefinidos e 50.547, temporais. Os indefinidos seguen á alza, son 3.388 máis que en maio (+12,8%) e dispáranse máis dun 300% respecto de hai un ano, pois son 22.389 máis.

AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL

A Seguridade Social gañou unha media de 7.775 afiliados en Galicia en xuño respecto ao mes anterior (+0,75%), de modo que se eleva o total de ocupados a 1.048.523, segundo os datos que publica o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións este luns. 

Este avance do 0,75% de media en Galicia é superior ao 0,57% de aumento en España, onde se gañaron 115.607 cotizantes, o mellor dato do Estado neste mes tras os de 2005 e 2021, condicionados polo proceso de regularización de inmigrantes e polo levantamento do estado de alarma fronte á covid, respectivamente.

Esta cifra de cotizantes en Galicia é superior en 26.803 afiliados (+2,62%) a xuño de 2021. Neste caso a repunta galega é inferior ao avance da media española (+4,35%). No entanto, o incremento de afiliados en Galicia en xuño de 2022 (aumenta en 7.775) é menor que o ritmo de crecemento tanto de 2021 (gañou 11.193) como de 2020 (incrementouse en 10.268).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta