O Goberno estatal subvenciona con 2 millóns as actuacións para destapar o río Gafos en Pontevedra

O Concello contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

A Fundación Biodiversidade, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de facer pública a resolución definitiva pola que se conceden as subvencións para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades do Estado, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

Iván Puentes e Yoya Blanco presentan as propostas financiadas con fondos europeos Next Generation
Iván Puentes e Yoya Blanco presentan as propostas financiadas con fondos europeos Next Generation | Fonte: Concello de Pontevedra

A resolución ratifica a adxudicación da axuda procedente dos fondos europeos Next Generation para o paquete de proxectos presentado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra cun valor global de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE).

Entre as actuacións propostas inclúese o plan do departamento para destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. Unha intervención estratéxica que recibirá concretamente unha achega económica duns 2,3 millóns de euros (co IVE) e que mellorará a calidade de vida de tódolos pontevedreses.

Tal e como subliñou o concelleiro Iván Puentes, "á marxe da boa nova que supón a concesión definitiva destes fondos europeos, hai que salientar o feito de que, das 99 candidaturas presentadas a esta convocatoria da Fundación Biodiversidade, só se aprobaron 18 en toda España e a de Pontevedra foi a única que se aprobou en toda Galicia". "Ademais, a proposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural" -precisou o concelleiro do PSOE- "foi a cuarta que recibiu máis puntuación, a tan só un punto do proxecto que levou máis puntos".

UN PXOM DOS ESPAZOS VERDES

A proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible formulouse como "un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial", a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.

Deste xeito, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano. Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de espazos verdes, ao que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta