As Tanxugueiras e De Vacas na programación de verán de Allariz

O concello vén de presentar un amplo programa de actividades que encherán os meses de xullo, agosto e setembro. Divulgación, música, teatro, danza e cinema serán algunhas das propostas que poderán gozar tanto a veciñanza como aqueles e aquelas que pasen por Allariz este verán.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/07/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, estivo acompañada por Alberto Conde, María López e Helena Suárez, responsables das áreas de Cultura, Promoción Económica e Deportes, para proceder á presentación do calendario de actividades culturais e de lecer deste verán.

Museo do Coiro en Allariz e río Arnoia. Foto: XMF
Museo do Coiro en Allariz e río Arnoia. Foto: XMF

Máis de corenta actividades repartidas entre xullo, agosto e setembro farán de Allariz un lugar atractivo para pasear e gozar da música, do teatro e a danza, do deporte, do cinema...

Entre as novidades musicais cómpre salientar, entre outras, a actuacións das Broken Peach, La Quinkillada, De Vacas ou as Tanxugueiras. A comedia estará presente da man de Sarabela Teatro e de Teatro Silvardeiras, unha en xullo e a outra no mes de agosto, e tamén se desenvolverá en agosto a III Escola Sexolóxica de Verán.

CELEBRACIÓNS PARA AXENDAR

O verán é tempo de festas e en Allariz tampouco faltan no calendario. As Festas de San Bieito, por exemplo, serán do 8 ao 11 de xullo e haberá numerosas actuacións musicais, actividades para os máis pequenos e Xigantes e Cabezudos. O 24 e 25 de xullo festexarase o Día da Patria con concertos nos xardíns do Museo do Coiro --Cuarteto Par de Par e La Quinquillada--, e xa en agosto, non pode faltar á cita a Festa da Empanada. O encontro gastronómico-festivo será os días 20 e 21, con concertos a cargo dos grupos Tecor Societario, Ruxe-Ruxe e De Vacas.

As Tanxugueiras en Pano Corado
As Tanxugueiras en Pano Corado | Fonte: remitido

E xa en setembro, varias citas de interese gastronómico, cinematográfico e etnográfico encherán as rúas de Allariz. Na primeira fin de semana actuarán as Tanxugueiras e celebrarase a Feira de Produtos Apícolas; o Festival RiR chegará do 5 ao 10 con curtametraxes e contidos de humor en diferentes espazos da vila; e o domingo 11 será Arte de Man, a feira de artesanía.

No apartado deportivo cómpre referir a 1ª edición do Trail de Allariz, evento deportivo que terá lugar o día 25 de setembro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta