Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/07/2022 | Actualizada ás 11:38
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña ditou sentenza na que condena a 15 meses de prisión a un home que forzou a entrada dun hotel na cidade herculina e roubou varias botellas de auga, cando o establecemento estaba pechado pola pandemia de Covid-19.
Segundo se recolle na sentenza, os feitos ocorreron na madrugada do 24 de outubro de 2020, cando o acusado apalancou a porta automática do Hotel Santa Catalina da Coruña. Nese momento, as instalacións estaban pechadas debido á crise sanitaria.
O tribunal considera probado que, tras forzar a porta, accedeu ao interior do hotel e, despois de rexistrar a recepción e as plantas superiores, rompeu e desencaixou un cristal da porta de acceso á cafetaría.
Unha vez no interior, subtraeu varias botellas de augas, e todo iso fíxoo mentres outro individuo, que non puido ser identificado, facía labores de vixilancia no exterior. O procesado causou danos no hotel por valor de 4.870 euros.
Na súa resolución, o tribunal aplica a circunstancia atenuante de toxicomanía e tamén unha agravante, xa que o acusado ten máis dunha trintena de antecedentes, dous deles computables a efectos de reincidencia.
Así, a Audiencia condenouno como autor dun delito de roubo con forza nas cousas, á pena de 1 ano e 3 meses de prisión, e deberá indemnizar á propiedade do hotel en 4.870 euros polos danos materiais ocasionados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.