Iberdrola presume de dividendos complementarios en plena crise enerxética

Di que 14.000 accionistas galegos sairán beneficiados por este complemento de 0,274 euros por acción.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 06/07/2022 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Iberdrola repartirá un dividendo complementario de 0,274 euros brutos por acción e aumentará capital por valor de 1.759 millóns de euros, segundo comunicou este mércores a enerxética á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). En Galicia, esta acción beneficiará máis de 14.000 accionistas.

A compañía distribuirá este dividendo complementario entre os seus 600.000 accionistas de acordo aos termos da nova edición do sistema 'Iberdrola Retribución Flexible' e a cantidade súmase aos 0,17 euros brutos por acción abonados como dividendo a conta o pasado febreiro e aos 0,005 euros por acción do dividendo de involucración repartido tras a xunta de accionistas do pasado xuño.

Deste xeito, a retribución total ao accionista con cargo ao exercicio de 2021 ascende a 0,449 euros brutos por acción, un 6,4% máis que no ano anterior.

A compañía destacou que os accionistas dispoñen de tres opcións (non excluíntes entre si) para recibir o dividendo complementario: cobrar o importe en efectivo; vender os seus dereitos de asignación no mercado ou ben obter novas accións liberadas do grupo de forma gratuíta.

AUMENTO DE CAPITAL

Iberdrola fixou o valor de mercado de referencia máximo do aumento de capital en 1.759 millóns de euros, o cal, segundo detalla a compañía, "garante que o importe do dividendo complementario bruto por acción sexa, como mínimo, de 0,270 euros".

Nese sentido, o número máximo de accións novas a emitir debido ao aumento de capital é de 173.333.333, aínda que o número de títulos que finalmente se cren "dependerá do número de accionistas que opten por non renunciar aos seus dereitos de asignación gratuíta"

Arquivo - O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. IBERDROLA - Arquivo
Arquivo - O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. IBERDROLA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta