O PSdeG ve a Comesaña "na picota" por levar a sanidade a unha situación "extrema"

Lage Tuñas asegura que hai máis dunha semana de lista de espera para acudir a atención primaria e pide cambios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O PSdeG asegurou que existen listas de espera dunha media de 8,5 días para lograr unha cita en atención primaria, o que ven como un síntoma do "colapso" do sistema sanitario galego do que responsabilizan ao Goberno autonómico, no que piden cambios no departamento de Sanidade.

Así o resaltou o secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage Tuñas, que ofreceu unha rolda de prensa este venres en Santiago, onde presentou os datos dun estudo elaborado polo PSdeG sobre a situación dos centros de saúde das poboacións de máis de 20.000 habitantes.

Segundo Lage, esta enquisa realizada durante o segundo trimestre deste ano revela que hai listas de espera de 8 días e medio para conseguir unha cita en atención primaria. "Esa é a foto fixa da situación da sanidade galega, da que é único responsable o Partido Popular, primeiro con (Alberto Núñez) Feijóo e agora con (Alfonso) Rueda", aseverou.

O número dous do PSdeG incidiu en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe acometer decisións "urxentes ou a situación de colaspo será aínda máis grave". Para Lage, o primeiro paso que debe afrontar Rueda é cambiar o equipo que dirixe a Consellería de Sanidade, un departamento ao que ve "na picota" por levar a sanidade a unha situación "extrema" que se converteu, ao seu xuízo, "no buraco negro do PP".

Ademais, tamén alertou de casos como o dunha parella de Cambados que tivo que recorrer á sanidade privada porque "era imposible" conseguir cita para unha revisión rutineira para o seu fillo recentemente nado ou a queixa presentada ante o Valedor do Pobo polos pediatras da área de Ourense pola "falta de cobertura" de baixas.

"Todo isto con (Emilio Pérez) Touriño non pasaba. Cando os socialistas gobernabamos, non había listas de espera en atención primaria", aseverou Lage Tuñas, que incidiu en que Rueda forma parte do Goberno autonómico desde 2009 e, por tanto, "é responsable" desta situación e non pode "seguir actuando como un comentarista".

Así, remarcou que Galicia está "á cola" do Estado en número de persoal médico e gasto en servizos sanitarios por habitante, ademais de "deixar escapar" aos profesionais que se forman no sistema sanitario galego ao "non ofrecerlle" condicións "dignas" para que continúen a súa carreira en Galicia. "O Goberno galego ofrece precariedade aos profesionais. Gastamos recursos en formar a medicos pero non temos capacidade para reternelos. Supoño que iso será tamén será culpa de Pedro Sánchez", aseverou Lage Tuñas.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage. PSDEG
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage. PSDEG | Fonte: Europa Press

LEI DE CAMBIO CLIMÁTICO

O PSdeG, doutra banda, celebrou o fallo do Tribunal Constitucional contrario ao recurso presentado pola Xunta contra a lei de cambio climático sobre o período das concesións en dominio público marítimo terrestre, xa que o Goberno autonómico entendía que xeraba inseguridade xurídica para empresas que se asintan no litoral, como a pasteira de Ence na ría de Pontevedra ou conserveiras.

Lage Tuñas, aseverou que a sentenza que desestima o recurso da Xunta "deixa ben claro que o que contaba o PP era falso" e "clarifica que debe de preservarse o emprego e a economía ao redor da cadea mar-industria". "O PSdeG defende a continuidade de todas as concesións na nosa costa, máis de 230 empresas e milleiros de postos de traballo con gran impacto na economía do país", incidiu Lage Tuñas antes de subliñar que "goberne quen goberne" en Madrid os socialistas galegos antepoñen "a defensa dos intereses de Galicia".

TRENS AVRIL

Neste sentido, o número dous do PSdeG mostrou a súa preocupación polos atrasos na chegada a Galicia dos trens Avril comprometidos por Renfe para estender a alta velocidade ás cidades galegas e cuxa posta en funcionamento aínda non ten data porque, segundo Renfe, a empresa Talgo incumpriu o contrato para a entrega do material comprometido. Así, demandou ao Goberno "contundencia e celeridade" á hora de actuar neste asunto porque "non valen escusas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta