Unha persoa de Ourense cobra 1.500 euros brutos menos ao ano que a media de Galicia

CIG denuncia que a situación sociolaboral de Ourense "é preocupante" e "subsistencia" da provincia "corre perigo".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/07/2022 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

A sede da CIG en Ourense acolleu a presentación dun informe da situación sociolaboral da provincia, unha radiografía dos principais indicadores como poboación, mercado de traballo, salarios ou pensións que fixo que o sindicato cualifique a situación de "preocupante". Entre outros datos, achegaron que o ingresos brutos medios anuais por salario alcanzaron 1.500 euros menos en Ourense que a media da Galicia.

Así, o secretario xeral do sindicato en Ourense, Anxo Pérez Carballo, apelou á necesidade de "adoptar medidas estruturais urxentemente" porque, segundo dixo, "a provincia de Ourense corre perigo na súa propia subsistencia".

Para facer tal aseveración baseouse principalmente nos problemas demográficos que sofre a provincia, onde a perda de poboación e o envellecemento son características destacables, xa que é a provincia de todo o Estado español cun maior grao de envellecemento e os falecementos superan aos nacementos, o que inflúe no mercado laboral da provincia que, segundo expuxeron, "se atopa nun estado de parálise económica".

Segundo o Padrón Municipal de Habitantes, en 2021 eran 305.223 as persoas residentes na provincia, 11,3% da poboación galega, é dicir, a menos poboada das catro provincias. E, con todo, "é a provincia con máis maiores de sesenta e cinco anos e tamén a que ten máis maiores de 80 anos" e, por tanto, un maior número de pensionistas que, segundo a CIG, "son os que menos cobran de toda Galicia", 770 euros de media mentres que a media autonómica está en 869 euros.

LUGAR POUCO DINÁMICO

Para Natividade López, a economista encargada da elaboración do informe, estas características tamén fan da provincia "un lugar pouco dinámico", o que serve para "protexerse dalgunha maneira dos vaivéns do mercado", polo que determinaron que en termos de emprego "esta última crise afectou menos que no resto das provincias galegas". Os ingresos brutos medios anuais por salario alcanzaron 1.500 euros menos que a media de Galicia, 18.2247 euros en Ourense fronte a 19.990 euros no resto de Galicia no ano 2020.

Ademais, o estudo tamén atopa grandes desigualdades entre a propia clase asalariada. Un 65% das persoas con salarios obtiveron ingresos inferiores á media, é dicir, inferiores a eses 18.447 euros brutos anuais, e ao comparalo co salario mínimo interprofesional, máis do 20% da poboación, concretamente o 20.8%, tivo uns ingresos "inferiores á metade do salario mínimo interprofesional".

Foron 21.574 as persoas que tiveron ingresos brutos anuais máximos de 2.944 euros, o que ten o seu contrapunto na "outra cara da moeda", "hai 60 persoas con ingresos superiores a dez veces o SMI", superiores a 220.000 euros brutos anuais. Uns ingresos que "equivalen a 75 persoas da parte máis baixa da táboa". Así, desde a CIG lembran que hai máis de 21.000 persoas cuxos ingresos brutos anuais non alcanzan os 3.000 euros, os seus ingresos, procedentes do seu traballo, "non son suficientes para unha vida digna, é pobreza laboral", apuntan.

En canto ao tecido produtivo, hai 465 empresas menos que no ano 2014, 28.548; sendo a rama co maior número de peches a de comercios e talleres, aínda que tamén destaca "a redución de empresas dedicadas á construción". En xeral o informe resume que "só creceu o número de empresas en actividades relacionadas co sector servizos" e que con máis de 500 persoas empregadas "tan só hai seis empresas en toda a provincia, unha menos que no 2014".

Así pois, o 66,6% das empresas non teñen persoal asalariado e hai 19,5% que teñen entre unha ou dúas persoas, "en conxunto un 86,2% teñen menos de dous". Deste xeito o informe conclúe, "que aínda que a última crise afectou menos na provincia de Ourense que no resto de provincias galegas", en termos de emprego hai unha maior "precarización das condicións laborais do mercado", unha maior temporalidade que no resto de Galicia, alta parcialidade nas xornadas, escasa duración dos contratos e "en total, un forte empobrecemento de cada vez unha maior parte da clase traballadora da provincia".

Arquivo - Unha camareira apunta pratos nunha lousa no interior dun bar. David Zorrakino - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha camareira apunta pratos nunha lousa no interior dun bar. David Zorrakino - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta