Detido un home que disparou frechas desde unha vivenda en Arteixo onde se atrincheirou por 12 horas

Lanzou outros obxectos, algúns impactaron nun coche patrulla da policía local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2022 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

Un veciño da rúa Urbano Lugrís de Vilarrodís, no concello coruñés de Arteixo, atrincheirouse durante doce horas na súa vivenda lanzando frechas e outros obxectos cunha ballesta de fabricación caseira pola xanela.

Segundo trasladou a Garda Civil, ás 05,00 horas recibiron a comunicación, a través do 112 Galicia, dun altercado neste punto. Así, desprazáronse ata o lugar patrullas do posto principal de Arteixo e da Policía Local, que observaron a un home arroxando obxectos e frechas cunha ballesta caseira cara á vía pública.

Ademais, algún destes obxectos chegou a impactar contra un vehículo da Policía Local. Ante esta circunstancia, os axentes estableceron un perímetro de seguridade e desprazouse ata as inmediacións a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia da Coruña e un negociador.

Alí, este negociador estableceu contacto coa persoa atrincheirada para tentar que cesase a súa actitude e recibise asistencia sanitaria, pero este negábase.

Así mesmo, a Garda Civil detallou que a persoa estaba soa na vivenda polo que, ao non haber risco para terceiras persoas, continuaron coa negociación ata as 17,30 horas cando, ante a negativa do atrincheirado de depor a súa actitude, os axentes procederon a entrar na vivenda para reducilo.

Posteriormente, o home foi trasladado a un centro hospitalario para a súa avaliación.

Suceso Arteixo.. GARDA CIVIL
Suceso Arteixo.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta