Unha aldea ourensá denuncia a falta de auga en plena onda de calor: "Estados abandonados"

Ao "abandono de funcións" súmase a existencia duns mananciais "contaminados por nitratos dunha macrogranxa próxima", critica a veciñanza.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/07/2022 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A veciñanza de San Mamede, unha aldea do concello ourensán de Porqueira, denunciou que este pasado fin de semana con temperaturas de máis de 38 graos estiveron sen auga e que seguen sen ter o servizo.

Lembran que se trata dunha aldea da comarca da Limia que non ten máis de corenta habitantes, contando os que se desprazan ata ela no fin de semana, pero que non por iso poden "ser privados dun ben esencial" como aseguran que pasaron e lamentan sentirse "non cidadáns de segunda, senón de latitudes que se denominan do Terceiro Mundo".

Critican mediante un comunicado que non se trata unicamente dunha situación causada polo cambio climático, senón que "subxace un problema de xestión" de recursos porque o concello non é quen prové a auga, senón que é un servizo xestionado por unha asociación.

"É o que en economía denominariamos externalización, o concello non recada pero tampouco ten un problema", afea un dos veciños afectados, Juan Carlos Dafonte, que ademais sinala que a asociación a leva parte da aldea que "fai o que lle apetece coa auga", chegando a "abrir e pechar a chave de paso do depósito veciñal sen previo aviso, sen fixar un horario" e mesmo "con aperturas que non duran máis de 20 minutos por día".

Ademais apunta que a situación "é aínda máis grave" porque a poboación da aldea é maioritariamente maior de 70 anos, polo que sofren aínda máis a falta da auga.

"Debido a este abandono absoluto de funcións non hai un mantemento da rede nin dos mananciais que xa foron e están contaminados por nitratos dunha macrogranxa próxima", critica Dafonte, que engade que o resultado deste "cóctel" é que carecen do servizo e lamenta que "a perspectiva é seguir así se ninguén a curto prazo, con vontade, pon solución".

Auga da billa
Auga da billa | Fonte: Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta