O Colexio de Podoloxía alerta dos problemas físicos que pode provocar o uso de tacóns

Maior inestabilidade, deformidades nos dedos, durezas e doenzas de costas poden ser algunhas das consecuencias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2022 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

O uso de tacóns está cada vez máis estendido e presenta unha maior variedade de formas, alturas e anchuras. O Colexio de Podólogos de Galicia (COPOGA) lembra que o seu uso debe ser "con criterio" e "en contadas ocasións ao longo do ano", dado que supoñen un aumento dos riscos, tanto para o pé como outros derivados a nivel xeral. Ademais, explica, "son elementos que producen maior inestabilidade e causan caídas e lesións, como escordaduras ou distinta presión nos pés".

Tacóns altos
Tacóns altos | Fonte: arquivo

Un dos problemas derivados do uso de tacóns é a superficie de contacto co chan. Se o tacón é de agulla, é máis fráxil e prodúcese un maior risco para o pé. Ademais, prodúcese un desprazamento das presións que sofre o pé, que dependen principalmente da altura do tacón. "A maior altura, maior peso vai soportar a zona anterior, o que xera complicacións físicas, como a deformación da bóveda do pé ou o acortamento dos xemelgos", explica o Colexio.

Tamén sinalan os podólogos que o seu uso ten consecuencias para os dedos, xa que ao ter a zona anterior máis baixa que o talón dáse un desbalance nos tendóns do dorso e da planta, o que xera unha sobrecarga e deformacións, como son os dedos en garra, en martelo... A maiores, a posición na que está o pé pode producir helomas (callos), debido ao rozamento dos dedos, ou bochas.

Os podólogos sinalan, así mesmo, que as consecuencias do uso de tacóns non se reducen exclusivamente ao pé, se non que poden afectar o nocello, os xeonllos, a cadeira, as costas e mesmo á postura corporal. Por exemplo, a máxima flexión da cadeira diminúe conforme aumenta a altura do zapato para quen están afeitos, pero ocorre ao revés para quen non o están. A nivel xeonllo, a máxima extensión diminúe coa altura, mentres que no nocello a adaptación é diferente en cada pé, o que se xunta coa esaxeración da flexión dorsal ao camiñar descalzo. A isto súmase unha maior fatiga pola o aumento do gasto enerxético que supón levar tacóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta