Allariz, epicentro da floricultura e a cerámica

Os Xardíns do Portovello acollerán o domingo 17 de xullo a I edición de Ola & Flora Allariz, un mercado temático sobre floricultura e cerámica.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 16/07/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Chega a Allariz a primeira edición de Ola & Flora, un mercado promovido polas produtoras alaricanas Estefanía Prieto e María José Castro e apoiado polo Concello de Allariz.

Presentación do evento. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación do evento. Foto: Prensa Concello de Allariz

A Alcaldesa, Cristina Cid sinala que ”o obxectivo é  botar a andar e consolidar un mercado  de verán no que se concentrarán máis dunha ducia de expositores do sector da flor cortada e a Cerámica, nun intento por visualizar as pequenas empresas galegas do sector que destacan pola calidade e diferenciación  dos seus traballos”.

As produtoras alaricanas e impulsoras desta iniciativa, representadas por María José, sinalan que "o mercado pretende ser un lugar de encontro no que coñecer diferentes proxectos de floricultura artesanal. Dun tempo a esta parte está habendo un crecente interese nas flores cultivadas dun xeito sostible, sen abuso de pesticidas e producidas localmente. Tamén se están abandonando prácticas como por exemplo o uso da contaminante espuma floral. Por outra banda tamén é tendencia o emprego de bases cerámicas de autor/a para arranxos florais, motivo polo que pensamos que flores e cerámica combinan á perfección. Certo é que o tradicional oficio da olería mantense moi vivo ata os nosos días, sendo unha dos faceres máis ancestrais. Mostra de que sabe evolucionar cos tempos ofrecendo pezas útiles e ao tempo verdadeiras xoias ornamentais".

O horario do mercado será de 10:00 a 20:00 horas e paralelamente organizaranse varias actividades gratuítas coma un obradoiro de deseño floral, previa inscrición en ola.flora.allariz@gmail.com. Tamén haberá pinta caras infantil pola mañá en horario de 11 a 13 h. e mostra en vivo de Olaría. Ao longo do día haberá sorteos  para todas a as persoas que acudan  a mercar flores ou cerámica .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta