O BNG ve "inaceptable" que os trens Avant non estean na bonificación do 100% e pide "rectificar" ao Goberno central

"Excluír os Avant da bonificación significa que a medida vai ter pouco impacto en Galicia", avisan.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/07/2022 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera "inaceptable" que os trens Avant de media distancia non estean incluídos na bonificación do 100% anunciada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a quen pide "rectificar" esta decisión.

Tren Avant
Tren Avant | Fonte: Renfe.

"Reclamamos ao Goberno de Sánchez que rectifique", expresou Pontón este venres. "Xa sufrimos unha discriminación por non ter proximidades, e só nos faltaba que por riba se discrime a cidadanía de Ourense por non ter proximidades, cando é evidente que ese é un servizo que usa moita xente para vir traballar", agrega.

Pola súa banda, o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, informou de que rexistrou iniciativas na Cámara Baixa en relación con esta cuestión, posto que lamenta que se castiga "dobremente" os galegos, que non contan con servizos de proximidade e sofren problemas de frecuencias e horarios na media distancia existente.

Rego lembra que os trens Avant son empregados diariamente por numerosas persoas por motivos de estudos ou traballo para moverse en traxectos como A Coruña-Santiago e Ourense-Santiago. "Excluír os Avant da bonificación significa que a medida vai ter pouco impacto en Galicia, pois incomprensiblemente o noso país carece de servizos de proximidade en áreas urbanas e metropolitanas", subliña o deputado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta