Ourense e Lugo, agás A Mariña, estarán en alerta por calor durante a fin de semana

O resto de Galicia estará en nivel 2 por episodio de calor, excepto as zonas do Oeste e suroeste da Coruña, e a zona das Rías Baixas en Pontevedra, que pasará a nivel 1.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A Xunta rebaixou a nivel de alerta por altas temperaturas nas provincias da Coruña e Pontevedra, aínda que o máximo (3) mantense en Ourense e en todo o territorio de Lugo fóra da Mariña.

En concreto, a Xunta informou de que continuarán en nivel 3 (máximo) todas as zonas da provincia de Ourense e de Lugo, excepto A Mariña. O resto de Galicia estará en nivel 2 por episodio de calor, excepto as zonas do Oeste e suroeste da Coruña, e a zona das Rías Baixas en Pontevedra, que pasará a nivel 1.

Meteogalicia informa de que a Comunidade continuará aínda durante o fin de semana baixo a influencia da masa de aire cálido de orixe norteafricana que leva sobre a Comunidade desde o pasado venres. Está impulsada polas altas presións localizadas ao norte da Península Ibérica e unha DANA (Depresión Illada en Niveis Altos) situada no Atlántico.

Esta DANA irase achegando progresivamente a Galicia, desaloxando lentamente a masa de aire cálido, pero ese desaloxo non sucederá previsiblemente ata o luns.

Isto deixa unha previsión de temperaturas moi extremas, tanto mínimas como máximas, en moitos puntos do interior da Comunidade ata o domingo. No litoral, o achegamento da DANA e a presenza de brisas e algunhas néboas suavizarán localmente a forte sensación térmica de calor, pero as temperaturas, aínda que non tan altas como en días anteriores, seguirán sendo aínda elevadas en xeral.

Un neno bota auga pola cabeza para refrescarse na onda de calor
Un neno bota auga pola cabeza para refrescarse na onda de calor | Fonte: Joaquin Corchero - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta