A Xunta emite a proposta de autorización de vertedura de augas da Mina de San Finx ao río Pesqueiras

A proposta está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos, así como das normas de calidade ambiental.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

A Xunta, a través de Augas de Galicia, emitiu a proposta de autorización de vertedura ao río Pesqueiras (regacho de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da Mina de San Finx, situada no concello coruñés de Lousame, unha proposta que está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos, así como das normas de calidade ambiental.

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame | Fonte: Ecoloxistas en Acción.

A resolución remítese á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx S.L., e aos interesados, para que no prazo de 10 días, a contar desde o seguinte da notificación, presenten as alegacións que consideren convenientes para, posteriormente, no seu caso, ditar a correspondente resolución.

A Xunta, sinalou, "tramita a autorización desde un escrupuloso seguimento da normativa, para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para a vertedura ao río", de acordo cos procedementos legais establecidos na Lei de Augas e nas Normas de Calidade Ambiental.

Ademais dos condicionantes, Augas de Galicia tamén establece o prazo de execución das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses.

CONDICIONANTES

Entre os condicionantes máis destacados na resolución atópase a limitación aos caudais de vertedura nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en 3 fases cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 metros cúbicos.

Na fase de explotación establécese que o caudal tratado poderá alcanzar un total de 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 metros cúbicos a augas extraídas das galerías e 150.036 metros cúbicos a augas de escorrentía da zona industrial.

No tratamento das augas, a resolución recolle todas as instalacións necesarias para que as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final garantan a vertedura ao río Pesqueiras cumprindo os parámetros de calidade.

Ademais, en canto á frecuencia mínima do control, fíxase que este será semanal na fase de baleirado, e mensual na fase de explotación, tanto para as augas residuais industriais depuradas na planta de tratamento da auga da mina, como para as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final.

A resolución tamén determina o deber do titular da mina a realizar un seguimento e control do medio receptor e remitir a Augas de Galicia os resultados das análises semanalmente, na fase de baleirado das galerías, e mensualmente na fase de explotación.

O titular da explotación deberá dispor de arquetas ou dispositivos equivalentes para o control e mostraxe dos efluentes, con acceso directo para a súa inspección por parte de Augas de Galicia. Tamén contará con instrumentos para o control en continuo do caudal do efluente da planta de tratamento da auga de mina, así como para o control do caudal da vertedura da balsa de decantación final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta