Un concerto no Gaiás lembra a poeta Luz Pozo Garza o día no que cumpriría 100 anos

O evento terá lugar este xoves no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, con entrada gratuíta previa reserva de praza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2022 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

O auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá este xoves, 21 de xullo, o concerto 'Sol de Medianoite', no que o Quinteto de Cordas Schubert e a mezzosoprano Joana Thomé interpretarán poemas musicados de Luz Pozo Garza como homenaxe o día no que cumpriría 100 anos.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que presentou este mércores o concerto, destacou que, con el, culmínase a celebración do centenario de Pozo Garza, falecida en 2020, cun evento "vinculado a un momento moi importante na súa traxectoria vital, persoal e creativa", xa que o poemario Sol de Medianoite está dedicado a Natalia, a súa neta falecida.

Gabriel Bussi, violinista e compositor, foi quen musicou este poemario tras a perda de Luz Pozo Garza. "Xusto o estaba escribindo cando eu a coñecín e síntome identificado con eses sentimentos expresados na obra", dixo, tras o que eloxiou "a súa poesía tan suxestiva, rítmica, musical, emotiva e bonita".

O concerto terá lugar este xoves, ás 19,00 horas, no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, con entrada gratuíta previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal. Ademais, no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia pódese visitar ata outubro a mostra bibliográfica e documental 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida', baseada nas coleccións que a propia escritora doou á institución.

Luz Pozo Garza
Luz Pozo Garza | Fonte: AXM.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta