O Consultivo confirma que Galicia xa ten "facultades sobre a xestión" do litoral sen reformar o Estatuto

A Xunta aproba as súas alegacións ao plan de protección da costa do Goberno un día antes da finalización do prazo para remitilas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2022 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O Consello Consultivo ratifica que Galicia xa conta con "todas as facultades ou funcións" de ordenación do litoral, incluídas aquelas sobre "a xestión dos títulos de uso e ocupación" do dominio público marítimo-terrestre, porque así o establece o propio Estatuto de Autonomía no seu artigo 27.3 e apóiano varias sentenzas do Tribunal Constitucional.

Por tanto, segundo conclúe o Consultivo nun informe solicitado polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non resulta necesario modificar dito Estatuto" para asumir as competencias neste ámbito, tal e como esixía o Goberno estatal para a transferencia desta competencia, unha petición que non só mantén o Executivo autonómico, senón tamén a unanimidade do Parlamento galego --PP, BNG e PSdeG--.

E é máis, o escrito, de 43 páxinas, afirma contundentemente que o Estado exerce "transitoriamente funcións que non lle corresponden" con respecto á costa, polo que "por lealdade constitucional" debe reverter esta "situación anómala". En concreto, trátase dun documento aprobado pola Sección de Estudos e Informes do Consello Consultivo de Galicia con data de este xoves, 20 de xullo, que foi avaliado este mesmo xoves polo Goberno da Xunta e ao que tivo acceso Europa Press.

A consulta que elevaba o propio presidente galego a este órgano pasaba por se era posible entender, sen necesidade de cambiar o Estatuto de Autonomía, que a competencia de ordenación do litoral que atribúe á Administración autonómica tamén comprende a xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre.

NON DISCUTE A TITULARIDADE

O informe non entra a discutir a titularidade estatal desta franxa do litoral, tal e como establece o artigo 132 da Constitución e confirmou o Tribunal Constitucional (TC) en 1991 despois de que varias comunidades --entre elas, Galicia-- presentasen un recurso contra a Lei de Costas de 1988. Pero o fallo do alto tribunal si matizou que a propiedade pública dun ben --neste caso, o litoral-- non "predetermina as competencias" que sobre el teñen atribuídas o Estado e as autonomías.

O Consultivo lembra que, segundo o TC, é "lexítimo" que a Administración Xeral do Estado tivese as facultades executivas sobre este espazo, pero tamén é "unha opción posible que a xestión correspondese ás Comunidades Autónomas ao amparo das súas competencias sectoriais", as cales a Lei de Costas non pode modificar.

Máis recentemente, en 2010, este tribunal vía conforme á Constitución un artigo do Estatuto Autonomía de Cataluña de 2006 que reservaba a xestión do dominio público marítimo-terrestre á Generalitat, incluídas as concesións, aínda que o Estado seguise sendo o seu titular.

COMPETENCIAS XA COMPRENDIDAS NO ESTATUTO

Así, no caso concreto de Galicia, o Consello Consultivo conclúe que o artigo 27.3 do seu Estatuto de Autonomía se refire á "ordenación do territorio e do litoral", o que "comprende todas as facultades ou funcións que naturalmente son desenvolvibles en relación con tal material, incluídas as facultades sobre a xestión dos títulos de uso de ocupación", así como "das autorizacións e concesións previstas".

Nesta liña, o órgano consultivo galego insiste en que estas facultades "non forman parte" das que ten o Estado como titular, senón que xa pertencen a Galicia en virtude da orixinal e actual redacción do Estatuto de Autonomía. Así mesmo, o Consultivo considera que, para que as funcións de xestión do litotal "poidan ser efectivamente exercidas" pola Xunta, "resulta necesario o traspaso de medios e servizos" por parte do Estado a través dalgunha "norma de rango legal e/ou regulamentario".

Este informe foi avaliado este xoves polo Goberno galego na súa reunión semanal, tras a cal Alfonso Rueda compareceu para destacar que apoia algo que Galicia "leva tempo reclamando" para "poder exercer competencias" que xa ten "no ámbito urbanístico, portuario ou de control de verteduras". O documento "reafirma as teses da Asesoría Xurídica da Xunta" de que non é necesaria unha reforma do Estatuto de Autonomía, celebrou o presidente.

ALEGACIÓNS AO PLAN DE PROTECCIÓN DA COSTA

Nesta liña, o Consello tamén deu luz verde ás alegacións das consellerías de Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentadas ao borrador do 'Plan Estratéxico Nacional para a Protección da Costa fronte aos efectos do cambio climático', elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Segundo explicou Rueda, as alegacións galegas critican o plan por "uniformizador", porque pretende "ampliar" as competencias do Estado en detrimento das autonomías e porque quere "borrar a presenza humana no litoral" para 2045. De feito, segundo as súas cifras, "pon en risco ao redor de 4.000 edificacións", entre elas máis de 200 instalacións empresariais.

As reclamacións da Xunta súmanse ás dunha vintena de concellos costeiros e de compañías do sector mar-industria. Así mesmo, Rueda queixouse de que este borrador foi elaborado "sen contar" coa opinión das comunidades autónomas. O prazo de presentación de alegacións conclúe este venres, 22 de xullo.

O Goberno galego lembra que a Lei de Costas, tras a súa modificación en 2013, "xa regula" cando se poden eliminar as concesións do litoral polo cambio climático. Neste contexto, a Xunta quéixase de que o plan é "totalmente subxectivo", xa que a identificación como unha "ameaza" e un "problema crítico" en Galicia de que existan ocupacións na costa está baseada na opinión "de dous funcionarios estatais".

"Cabe destacar que a análise da costa galega se fixo sobre a base de preguntar a seis técnicos do Ministerio (un de Pontevedra, dous da Coruña e tres de Lugo) se consideraban que a presión das ocupacións sobre a costa era un problema. Desas seis persoas consultadas, só dúas consideraron que era un problema grave", esgrime.

Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada  Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada. EUROPA PRESS - Arquivo
Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada Ondas na praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña) temporal, ondada. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta