Yolanda Díaz descarta que 'Sumar' concorra ás eleccións municipais do próximo ano

Aposta por desenvolver primeiro "unha definición completa do proxecto".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, descarta que a plataforma cidadá que promove, 'Sumar', estea lista para concorrer ás eleccións municipais do próximo ano, dado que o seu obxectivo é "definir un proxecto de país para a próxima década" e, só entón, decidir "se se converte nun proxecto electoral ou non".

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser e recollida por Europa Press, Yolanda Díaz reivindicou o traballo que se realiza dentro da plataforma, con 25 grupos para abordar as distintas materias de relevancia para o Estado. Para iso, percorrerá os distintos territorios, tamén Galicia, sumando achegas individuais daqueles que así o desexen.

Por iso, dentro deste proceso, fixo un chamamento á cidadanía galega para que "aquelas persoas que desexen formar parte desta construción colectiva" se inscriban e acheguen o seu punto de vista.

Así, Díaz estima que entre final de ano e xaneiro de 2023, 'Sumar' poderá ter "unha gran visión do país que queremos para a próxima década" e, só despois, decidirase "colectivamente se se converte nun proxecto electoral ou non". "'Sumar' é un movemento cidadán, non é un proxecto electoral", lembrou.

En todo caso, e aínda que opten pola vía electoral, a vicepresidenta segunda descarta que poidan presentarse ás eleccións municipais e autonómicas do próximo ano. "Creo que non chegamos para as eleccións", dixo Díaz, que apostou por desenvolver primeiro "unha definición completa do proxecto".

DÚAS FORMACIÓNS DIFERENTES

Preguntada acerca das diferenzas no seo do Goberno, Yolanda Díaz dixo que non é partidaria "do ruído" na política, pero lembrou que PSOE e Podemos son "dúas forzas políticas diferentes". "Creo que é san que os cidadáns coñezan as diferenzas que temos no seo do goberno, por exemplo en materia fiscal, igual que noutras materias co PSOE. Agora ben, discutindo sobre propostas pero sen facer ruído", resolveu.

En canto aos datos do CIS, a vicepresidenta segunda non entrou na valoración do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e quixo destacar "unha premisa": "que as forzas de dereita e extrema dereita non suman" para Gobernar, o que implica que "o futuro pasa por reeditar a coalición progresista" en España.

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz,  intervén durante a súa visita a fábrica Alstom Transporte, a 22 de abril de 2022, en Santa Perpètua de Mogoda, Barcelona, Cataluña (España).. David Zorrakino - Europa Press
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, intervén durante a súa visita a fábrica Alstom Transporte, a 22 de abril de 2022, en Santa Perpètua de Mogoda, Barcelona, Cataluña (España).. David Zorrakino - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta