Máis controis e máis transparencia, obxectivos de Simón Rego e Constantino Carreiras como conselleiros de Contas

Os dous renovaron os seus cargos nesta institución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Os recentemente reelixidos membros do Consello de Contas, Constantino Carreiras Souto e Simón Rego, tomaron posesión dos seus cargos, que renovan, nunha cerimonia que tivo lugar este mércores no Pazo do Hórreo presidida polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.

"Canto máis rigoroso sexa o control, maior será a confianza cidadá nas institucións e, por tanto, máis fortalecida resultará a democracia", salientou o presidente da Cámara galega no seu discurso, deixando así encima da mesa a liña que ha de rexer o labor de fiscalización.

Santalices lembrou que os dous conselleiros que tomaron posesión este mércores acreditaron a súa idoneidade comparecendo ante a comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, celebrada o pasado 1 de xullo. No pleno da pasada semana, foron elixidos o hemiciclo galego.

Así, o presidente da Cámara transmitiu as felicitacións pola "renovada confianza" e o seu ánimo na "nobre e intensa tarefa que teñen por diante no desempeño das responsabilidades encomendadas como ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego".

Para Santalices, o Consello de Contas está "intimamente vinculado" co acceso á autonomía, que vén de celebrar os seus primeiros 40 anos e mesmo, co paso do tempo, converteuse nun "dos alicerces" de Galicia. Neste sentido, lembrou que este organismo recibiu a Medalla do Parlamento de Galicia, entregada o pasado 6 de abril xunto ás demais institucións estatutarias da Comunidade galega.

Pola súa banda, tanto Constantino Carreiras como Simón Rego renovaron os seus compromisos coa institución. "O camiño está marcado", proclamou Rego, quen tamén fixo votos por que se mellore a comunicación do labor deste organismo que ten como misión velar pola legalidade das contas, con dúas premisas esenciais tamén: "sustentabilidade ambiental" e "máis eficacia".

Carreiras, mentres, tamén apelou á necesidade de chegar á sociedade e ofrecer unha visión "didáctica", a dunha institución que, comprometeuse, labrará para que se manteña "unha institución sólida" e "respectada" e con "credibilidade" para a sociedade. Así mesmo, tamén defendeu potenciar a "cultura da xestión da prevención".

Toma de posesión de Constantino Carreiras e Simón Rego como conselleiros do Consello de Contas
Toma de posesión de Constantino Carreiras e Simón Rego como conselleiros do Consello de Contas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta