O PP denuncia que os bombeiros de Pontevedra están nunha situación de "semiescravitude"

Asegura que os efectivos do corpo municipal realizan "xornadas laborais de 36 horas de maneira ininterrompida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O grupo municipal do Partido Popular denuncia que os efectivos do corpo municipal de Bombeiros de Pontevedra están nunha situación de "semiescravitude", xa que "se realizan xornadas laborais de 36 horas de maneira ininterrompida e chéganse a acumular 96 horas de traballo semanal".

Os concelleiros do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pepa Pardo, visitaron este mércores o parque municipal de Bombeiros polas "pésimas condicións laborais nas que estes profesionais teñen que desenvolver o seu traballo". Segundo informaron, nestes momentos, máis do 40% do persoal está de baixa, "en moitos casos debido á presión e a tensión ao que están sometidos". O portavoz local do PP, Rafa Domínguez, afirmou que este gran número de baixas "é o resultado de realizar xornadas interminables, con bombeiros ao límite tanto física como mentalmente".

Domínguez explicou que se están producindo "situacións escandalosas, como a obrigatoriedade á realización de xornadas interminables, con bombeiros extenuados por un exceso de traballo e con cadros de ansiedade severa". Como exemplo, o popular contou que se deron casos nos que o Goberno local enviou a unha dotación da Policía Local ao domicilio dun bombeiro, ante a presenza dos seus fillos menores de idade, para requirir a súa presenza no parque "ante a total falta de efectivos".

Aseguran os populares que son casos "que se producen de maneira habitual" e que xeraron unha situación "insustentable que pon en risco a capacidade operacional do corpo". Apuntan que, no momento da visita, só había unha dotación de catro bombeiros no parque, cando o que a lei esixe que haxa dúas e estean formadas por seis profesionais.

Ademais, Domínguez fixo referencia a un estudo de prevención de riscos psicosociais, elaborado por requirimento de Inspección de Traballo, que recolle como medida correctora aumentar o número de efectivos e a participación do persoal na toma de decisións sobre as súas condicións de traballo.

Por todo iso, o grupo municipal do PP solicitará no próximo pleno municipal o compromiso do goberno local coas reivindicacións deste servizo de emerxencias, "tendo en conta ademais que Pontevedra é a cidade galega con menos bombeiros".

Os concelleiros do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pepa Pardo, visitan o parque municipal de Bombeiros de Pontevedra. PP
Os concelleiros do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pepa Pardo, visitan o parque municipal de Bombeiros de Pontevedra. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta