Enfermeiras de Atención Primaria reclaman poder seguir cos coidados nos PAC

Agefec alerta de que o número de enfermeiras en Primaria está por baixo dos cocientes recomendados. Satse denuncia trato "discriminatorio" ao colectivo de enfermaría hospitalaria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) reclamou "poder seguir ofrecendo continuidade de coidados" nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia. Fixérono mediante un comunicado en relación, sinalan, á ausencia de cobertura de médicos nalgúns PAC e a diferentes reseñas de prensa nas que se apuntaba a que sen médico, a enfermeira non realiza diagnósticos nin dispensa fármacos.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

Ante isto, defenden a importancia do traballo en equipo, "un equipo multidisciplinar onde cada profesional achega o específico do seu quefacer para garantir o mellor servizo á cidadanía".

"Ninguén debe dubidar da capacidade resolutiva das enfermeiras. Temos competencias para actuar, tanto en equipo como individualmente, ante situacións de urxencia, pero, desde a asociación defendemos que, se nalgún momento e de forma puntual, nun centro non houbese persoal médico, as enfermeiras debemos seguir ofrecendo os nosos servizos á poboación", aseguran.

Afirman ser "conscientes" de que nestes momentos a Atención Primaria sofre "dificultades" para garantir a cobertura dos profesionais dada a carencia dos mesmos. "Esta situación viuse agravada polo período estival, pero non debemos esquecer que esta falta de persoal non é un problema conxuntural debido ás vacacións, senón que se trata dun problema estrutural que a Atención Primaria sofre desde hai tempo", comentan.

Con todo, censuran que a Administración "só se acorde das enfermeiras cando hai déficit doutros profesionais, sobre todo cando o número de enfermeiras de Atención Primaria está por baixo dos cocientes recomendados".

"A situación na que se atopa a cobertura destas enfermeiras vai polo mesmo camiño que a do persoal médico e cando temos un gran número de enfermeiras especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria traballando noutros ámbitos ou noutras Comunidades debido a que non se lles ofrece fidelización contractual por parte do Sergas, malgastando, así, o diñeiro investido na súa formación", lamentan.

SATSE

O sindicato de enfermaría Satse denunciou trato "discriminatorio" que dispensa o Sergas ao colectivo de enfermaría hospitalaria con respecto a Atención Primaria. O delegado en Lugo de Satse, Manuel Veiga, vinculou ESE trato a que "a Administración está a apostar pola Atención Primaria, onde se están incrementando os incentivos".

"Se somos traballadores da mesma empresa, nun lado trátasenos dunha forma e noutro lado doutra forma. Non ten sentido", clamou o sindicalista.

Veiga afirmou que Satse "comprende o problema da Atención Primaria e apoia o seu reforzo". "Pero non podemos pasar por alto o problema no ámbito hospitalario coas urxencias colapsadas ou as plantas pechadas", aseverou.

"Non podemos admitir que o Sergas se esqueza desta demanda e se envorque en dar solución á falta de médicos cando o problema é que non hai enfermeiros", lamentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta