Baltar afirma que "non hai ningunha proposta sobre a mesa" de moción de censura contra Jácome

Apunta que a decisión corresponde ao grupo municipal do PP.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/07/2022 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, valorou a situación municipal tras a ruptura do pacto de goberno entre Democracia Ourensana e o PP, despois de que o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, cesase ao sete edís populares. "O partido é dialogante por excelencia, pero non hai ningunha proposta sobre a mesa", dixo en resposta á petición do Partido Socialista na que ofrece "diálogo" ao resto de grupos porque consideran "a moción de censura máis necesaria que nunca".

O presidente do PP da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (esquerda), e o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, asisten ao Campionato de España de Atletismo en Pista Cuberta, a 27 de febreiro de 2022, en Ourense
O presidente do PP da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (esquerda), e o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, asisten ao Campionato de España de Atletismo en Pista Cuberta, a 27 de febreiro de 2022, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Baltar foi tallante, polo momento considera que "se está falando de política ficción", unha cuestión sobre a que dixo que non lle gusta estenderse porque "non hai nin unha proposta, nin un contido da mesma, nin un escenario". "Estamos a falar por falar e en política trátase de facer", resumiu.

Deste xeito, dixo que o Partido Popular é unha formación "aberta ao diálogo por excelencia" e que "o ten demostrado por activa e por pasiva, é algo que non se lle pode negar", con todo, insistiu en que "non hai sobre a mesa ningún tipo de proposta nin formulación para que dialoguen aqueles que deben facelo", que son "o presidente e o Comité Executivo local".

"O Comité Executivo vén de ser elixido practicamente pola totalidade da militancia, ten todas as competencias que os estatutos pon á súa disposición para, en función do escenario político, tomar as determinacións que procedan", esgrimiu.

Neste sentido, manifestou que non se vai situar porque a resposta que a el lle corresponde é "deixar independencia e autonomía ao Partido Popular no Concello de Ourense" ao tratarse dunha situación municipal e reiterou que situarse actualmente "é situarse sobre nada".

Así mesmo, incidiu en que "todos os partidos populares da provincia", en todos os concellos, xunto coas súas xuntas locais, "teñen autonomía suficiente para escoitar, para expor, para dialogar e para conciliar", por tanto, será o partido municipal "o que tome a decisión sobre a estratexia ante calquera proposta, porque ten absoluta capacidade no presente e no futuro".

RELACIÓN CON JÁCOME

Respecto da ruptura do pacto de goberno entre PP e DO, Baltar expuxo que "é unha cuestión absolutamente lexítima" por parte do alcalde porque "é a máxima autoridade" do concello e, por esta razón, "pode tomar este tipo de determinacións".

Así, eludiu valorar se lle parece ou non acertado, pois "a única palabra que cabe é a de respecto á decisión da máxima autoridade municipal".

Nesta mesma liña, si mostrou o seu agradecemento pola "deferencia" do rexedor municipal de comunicarlle en privado, a través dunha serie de mensaxes, a súa intención de levar a cabo o cesamento dos edís do PP antes de facelo público.

Con todo, o presidente da Deputación Provincial asegurou que a nova situación non afecta o Plan de Cooperación co Concello de Ourense porque a función da institución é colaborar cos municipios provinciais e "iso inclúe o da capital, axudando a cofinanciar actuacións".

Preguntado sobre se mantén a súa palabra do pasado mes de maio na que trasladaba que Gonzalo Pérez Jácome é "mil veces mellor alcalde" do que sería o candidato socialista, Rafa Villarino, sentenciou que non cambia de opinión, que "mantén todo aquilo que dixo" porque "a coherencia é o que debe ter alguén que se dedica á cuestión pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta