'Notas á marxe', un proxecto cultural de xornalismo lento, gaña a Bolsa Nacho Mirás

O obxectivo desta iniciativa é procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis anunciou a súa decisión de premiar na edición de 2022 o proxecto denominado Notas á marxe, presentado por Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras. O xurado da bolsa, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, escolleu esta proposta de "xornalismo lento" entre as presentadas á esta sétima convocatoria. 

Presentación da V Bolsa Nacho Mirás. COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA
Presentación da V Bolsa Nacho Mirás. COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA

Notas á marxe parte dun produto literario, que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro. A partir de aí, busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa. O obxectivo final é procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico. En canto ao formato, o proxecto articularase en torno a unha web que servirá para verter todos os contidos. Estes, á súa vez, faranse mediante dous formatos: un podcast mensual e unha newsletter quincenal. Entre as distintas temáticas que pretende abordar o proxecto encóntranse o aborto voluntario, a culpa, ou a representación e romantización do rural.

Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras, responsables do proxecto, acadaron o grao de Xornalismo neste mesmo ano 2022. Rodríguez Teiga ten experiencia como redactora e locutora en prácticas na Radio Galicia – Cadena SER, é colaboradora de Luzes e ten escrito nas seccións de cinema e literatura de Balea Cultural. Pola súa banda, Novo Castiñeiras traballou como redactora en prácticas en La Voz de Galicia, tanto na sección de cultura como na delegación da Coruña, e ten especial interese na parte máis visual da comunicación, como o deseño ou a ilustración.

O xurado estivo formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. 

A bolsa para xornalistas noveis leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de xornalista. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020) e A Cousa e Zoom na Bagatela (2021).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta