O exsecretario xeral do PSdeG ve "irregulares" os despedimentos de dous traballadores do grupo parlamentario

A metade dos deputados socialistas reclamaron nun escrito "reverter inmediatamente" a decisión, por non haber "nin unha razón obxectiva".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2022 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero tachou publicamente de "irregulares" os despedimentos de dous traballadores do gabinete de comunicación do grupo parlamentario decididos pola actual dirección socialista, despois de que o pasado mércores, a metade dos deputados, incluído el mesmo, asinase un escrito no que reclamaban "reverter inmediatamente" a decisión.

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero | Fonte: PSdeG.

Cuestionada respecto diso, a actual dirección socialista declinou facer comentarios sobre "cuestións internas". Pero nunha mensaxe en Twitter, Caballero rexeita os despedimentos dun traballador "indefinido pola reforma laboral" e doutra "contratada ata final de lexislatura", prevista para 2024, no caso de que non haxa un adianto electoral. "Rexeito eses despedimentos, que non son propios do Partido Socialista e que nos fan perder coherencia e credibilidade", apunta na rede social.

O exsecretario xeral socialista explica que "hai dúas semanas" lle pediu a quen o derrotou nas primarias para asumir o poder orgánico á fronte das filas socialistas, Valentín González Formoso, que "rectifique e reverta os despedimentos". "Está a tempo antes de que os traballadores demanden", apunta.

Na mesma liña, el e seis deputados próximos, o que supón a metade do grupo parlamentario, asinaron con data do 20 de xullo un escrito no que rexeitaron a decisión de despedir "as únicas dúas persoas traballadoras contratadas polo grupo parlamentario". No texto, defenden que se trata de "profesionais do xornalismo" que exerceron "con absoluta profesionalidade e rigor e con total cumprimento das súas tarefas ás ordes da dirección".

"O PSdeG-PSOE nace para a defensa dos traballadores, e por iso consideramos que a dirección do PSdeG e do grupo parlamentario debería reverter inmediatamente a decisión, máis aínda cando non existe nin unha soa razón obxectiva para o seu despedimento e dada a necesidade de contar cun equipo estable de xornalistas no grupo parlamentario", afirma o texto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta