A Deputación da Coruña rexeita a Lei do Ciclo da Auga, "un modelo co que a Xunta convida e os concellos pagan"

"Os concellos de menos de 20.000 habitantes que se adhiran terán que achegar dous terzos do financiamento da totalidade do custo das infraestruturas ", advirte.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/07/2022 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña rexeitou o contido da nova Lei Galega do Ciclo da Auga, que aseguran expón un modelo "co que a Xunta convida e os concellos pagan", ao ser as entidades locais as encargadas de financiar dous terzos do custo das infraestruturas.

Pleno da Deputación da Coruña. TORRECILLA
Pleno da Deputación da Coruña. TORRECILLA

"É un modelo no que a Xunta convida e os concellos pagan, aprobada unilateralmente polo Partido Popular en detrimento dos intereses das entidades locais", explican no texto da moción, impulsada polo Goberno provincial (PSdeG) e que contou no pleno deste venres cos votos a prol de Marea Atlántica, a abstención de Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.

Segundo lembran, a norma --aprobada no Parlamento o pasado 28 de xuño-- estipula que serán os concellos os que deleguen, se lles interesa, a xestión en Augas de Galicia para que actúe como entidade fornecedora dos servizos de abastecemento, depuración e/ou saneamento, mentres que a capacidade sancionadora, indican, segue en mans da entidade autonómica.

"Os concellos de menos de 20.000 habitantes que se adhiran terán que achegar dous terzos do financiamento da totalidade do custo das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do ciclo da auga", explican.

Aseguran que se trata dunha lexislación "coercitiva" que inflúe directamente na forma en que cada concello debe prestar os servizos públicos da súa competencia. Isto tradúcese, apuntan, en "auténticas axudas selectivas a un ou outro concello por razóns meramente administrativas (se delegan ou non en Augas de Galicia), o que supón unha discriminación previa dos concellos que están excluídos e, por tanto, da súa cidadanía".

Doutra banda, a nova lei crea novas cargas fiscais para os beneficiarios dos servizos, tres novas taxas, que na propia Memoria Económica presentada polo Goberno galego, sinalan, contemplan subas de case 50 millóns de euros desde o primeiro ano de entrada en funcionamento.

A moción lembra ademais que a Xunta "presume de investir 1.100 millóns de euros en infraestruturas relacionadas co ciclo integral da auga, sen revelar que o financiamento desas infraestruturas vén fundamentalmente dos fondos europeos". Aseguran tamén que eses investimentos só responden ao criterio da propia Consellería, "minguando a autonomía local"

Neste sentido, a Deputación instou á Xunta a elaborar un Plan estratéxico consensuado coa Fegamp que contemple as infraestruturas, o territorio, o financiamento e as datas de execución das obras, así como arbitrar fórmulas necesarias para optar aos fondos Next Generation-EU habilitados para este tipo de infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento de auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta