O BNG denuncia o "absoluto colapso" da sanidade pública por cuestion "ideolóxica, consciente e planificada"

Censura que non se chegou a este punto "por ciencia infusa" e pide non "normalizar a situación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O BNG denunciou o "absoluto colapso" da sanidade pública galega e da atención primaria en particular que, ademais, considera que "se vai a agravar ata un límite insustentable" e pide "non normalizar" a situación.

En rolda de prensa este luns, o viceportavoz parlamentario do BNG Manuel Lourenzo censurou que este "colapso" se vive "de punta a punta do país" e, neste sentido, explicou que este domingo no municipio lucense de Ribadeo denunciaron que había "tan só un equipo médico, unha enfermeira e unha administrativa para atender a unha poboación de 14.000 persoas" e tamén na localidade pontevedresa da Guarda, onde detallou que "hai mobilizacións sistemáticas contra espectáculos tan bochornosos como aquela padiola á carreira".

Nesta mesma liña, situou a realidade concreta da área sanitaria de Pontevedra ou Salnés como "o quilómetro 0 deste desastre", xa que "PAC que incrementan moitísimo a súa poboación, como Vilagarcía ou Sanxenxo, quedan ao descuberto sistematicamente".

"Chegamos a ter que aguantar a indecencia de que o PAC de Vilagarcía deixou sen atención sanitaria a 40.000 persoas. É unha situación que traspasa todas as liñas vermellas", censurou o deputado.

CITA ATENCIÓN PRIMARIA

Así mesmo, Manuel Lourenzo tamén quixo rexeitar que se pretenda "naturalizar" que as persoas que soliciten cita en atención primaria "teñan que esperar entre 10 ou 15 días" ou que "aparezan para unha urxencia e díganlles que non hai médicos". Ante esta situación pediu "non resignarse a velo como normal". Ademais, manifestou que non se chegou a este punto "por ciencia infusa", senón por unha cuestión "ideolóxica, consciente e planificada".

Para Manuel Lourenzo, esta conxuntura chega "despois de máis dunha década de desmantelamento de estruturas directivas, da atención primaria, de contratos precarios e de negativa de incorporar novos profesionais", así como de "xubilacións que non se cubrían a pesar de que no Parlamento insistiuse en que se non se cubrían chegaríase a esta situación".

POVISA, "UNHA TIMBA"

Por outra banda, o deputado nacionalista cualificou de "gran timba dos lobbyes da sanidade privada" a compra do Hospital Povisa de Vigo polo grupo privado sanitario francés Vivalto Santé

Para Lourenzo, converteron a asistencia sanitaria a "130.000 persoas de Vigo e 1.400 postos de traballo nunha timba e un negocio para as multinacionais". "Todo isto tres anos despois de que fosen vendidos a un fondo norteamericano e todo isto despois de que os galegos inxectásemos 24 millóns de euros neste hospital para sanealo. Non podemos asumir isto como unha normalidade", insistiu.

O deputado nacionalista Manuel Lourenzo nunha rolda de prensa no Parlamento.
O deputado nacionalista Manuel Lourenzo nunha rolda de prensa no Parlamento. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta