A Xunta fai unha chamada á "responsabilidade para salvar o verán" ante a ameaza de seca

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade pon o foco na conca do río Lérez.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, fixo un chamamento para que toda a poboación e as institucións actúen con "responsabilidade para salvar o verán" ante a "seca prolongada" que arrasa Galicia, con especial alarma en Pontevedra, onde a conca do río Lérez está en prealerta.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez | Fonte: Carlos Luján - Europa Press.

Así o comunicou Vázquez tras un acto en Santiago para presentar axudas da Xunta para comprar bicicletas eléctricas. Desde alí, a responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sinalou a "preocupación" do Goberno galego sobre a seca do Lérez.

"Para a Xunta é prioritario garantir o abastecemento á poboación e o caudal ecolóxico do río", indicou a conselleira. Ademais, subliñou o seguimento "exhaustivo" diario que leva a cabo a Administración galega para emendar a situación.

Vázquez destacou que as garantías de reservas de augas nos encoros e ríos "poderían salvar" a época estival. Para iso, recalcou a necesidade de tomar medidas para o aforro da auga e non realizar "consumos innecesarios".

Neste contexto, preguntada sobre se as medidas actualmente en vigor --evitar baldeos, regas de xardíns e outros usos de lecer, como o enchido de piscinas-- é suficiente, insistiu en que "se cadra" se podería "salvar o verán" coas reservas de auga que hai en encoros e ríos.

SITUACIÓN DO LÉREZ

A concelleira do Ciclo da auga de Pontevedra, Carme da Slva, detallou que ao longo da última semana o río Lérez tivo un comportamento "bastante estable", en contraste coa quincena anterior, na que o caudal baixara de maneira "moi preocupante" e obrigara a activar as medidas de aforro por parte do Concello da cidade e outros da súa contorna.

En concreto, este luns celebrouse unha reunión do grupo de información e seguimento do plan excepcional ante a seca, constituído por todos os concellos que se abastecen do río Lérez. No encontro tamén participou a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

Foi un encontro telemático no que a edila do Ciclo da auga de Pontevedra ofreceu as últimas novidades ao redor da situación hidrolóxica do Lérez, despois do seguimento diario dos recursos que ofrece o río.

"O peche de Ence e dos turbinados das centrais que hai no río parece que lograron manter, de momento, a estabilidade no caudal", sinalou Da Silva.

E é que o caudal medio está estable nuns 1,6 metros cúbicos por segundo, "o que nos mantén en situación de prealerta, pero permite manter o abastecemento a todos os concellos usando só a auga do río", explicou.

Na reunión entre os concellos e Augas de Galicia, Da Silva trasladou unha nova proposta ao organismo autonómico que ten como base as diferentes presas existentes ao longo do río Lérez. A proposta do Concello de Pontevedra consiste en que, de empeorar a situación do caudal do río, xa co Lérez case seco, se faga un traballo de coordinación e laminación da auga destas presas para ir combinando estas reservas coas do Pontillón de Castro. Segundo dixo Carme Da Silva "pode ser un traballo custoso de coordinación, pero útil no caso de necesidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta