Piden limitar a captación de auga por ENCE ante a situación "preocupante" do Lérez

A APDR insta á Xunta a baixar o nivel de captación da pasteira para priorizar o consumo humano.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Avisárase con tempo e aínda así rematou por pasar. Os niveis anómalos de temperaturas e precipitacións sufridos pola península ibérica están a dar xa nunha circunstancia de certa escaseza de auga, con Concellos recomendando reducir o seu consumo máis alá das recomendacións estivais acostumadas. Neste contexto, o tecido asociativo de Galicia pregúntase se detrás da falta de auga hai algo máis que os efectos da seca sufrida.

Planta de Ence en Pontevedra
Planta de Ence en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Para a Asociación pola Defensa da Ría, é "evidente" o papel que a ENCE xoga sobre o nivel de auga do Lérez, unha situación que, din, "ten a súa orixe en factores climatolóxicos relacionados co cambio global" pero estando vencellada tamén a cuestión locais. "O río Lérez abastece de auga aos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, ao porto de Marín, aos polígonos industriais de A Reigosa e O Campiño, e á fábrica de ENCE. É dicir, existen distintos usos da auga do río, o que obriga a contemplar prioridades no caso de escaseza prolongada", inciden.

Por esta circunstancia, resulta "evidente" tamén que en situacións como a actual "débese dar prioridade ao abastecemento ás poboacións, relegando os usos industriais e aqueles outros que resultan 'secundarios' fronte ao consumo das persoas. E máis alá das actitudes responsábeis da cidadanía para evitar o consumo innecesario, deben ser as distintas administracións, en función das súas competencias, quen tomen as decisións precisas para garantir as necesidades básicas de auga ás poboacións ribeiregas".

Desta forma, a APDR pide limitar a entrada de auga na ENCE para frear o "maior consumo" que se fai do Lérez dende eses anos do franquismo nos que comezou a drenar. "Xa ninguén dubida de que Ence é, con diferencia, o maior consumidor de auga do Lérez. Desde a chegada a Lourizán, e en virtude de dúas concesións dos anos 1958 e 1968, Ence puido captar 129.600 m3/día (47.304.000 m3/ano), un volume que foi rebaixado pola Xunta de Galicia a 47.520 m3/día (17.344.800 m3/ano) en maio deste ano, un momento no que (segundo datos da propia empresa) estaba consumindo xa por baixo dese límite (uns 14.000.000 m3/ano)".

"Con todo", inciden, "trátase de valores que están moi por riba do nivel de captación conxunta do resto dos consumidores (entre 6.000.000 e 9.000.000 m3/ano, segundo as fontes consultadas). Así pois, dada a situación do Lérez, por baixo do seu caudal ecolóxico, e de acordo coa normativa vixente, a parada da produción da fábrica era obrigada, e mesmo produciuse cun inexplicábel retardo".

Aínda así, denuncian dende a APDR, a Xunta segue a ser benévola con ENCE, circunstancia pola que apuntan ás palabras da Consellería de Medio Ambiente concluíndo que “non ve en Ence un factor chave para explicar a situación de escaseza de auga no Lérez” aducindo que, de feito, a súa parada non tivo a repercusión agardada no caudal do río. Dende a asociación esixe á Xunta que obrigue á empresa a limitar o consumo a 4.000m3 por día como se comprometera en 2016 a raíz da prórroga concedida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta