Ameaza de folga nas escolas infantís e centros de día da Xunta para setembro

A CNT abre a porta a unha folga de 15 días ao mes ata decembro se non se retoman as negociacións en prol dunhas oposicións para "estabilizar" persoal interino. A Xunta pide "tranquilidade" ás familias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2022 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Nova folga no marco da Consellería de Política Social. A CNT vén de anunciar un greve de 15 días mensuais que se estenderá entre setembro e decembro en diversos centros dos dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar, ente dirixido por Perfecto Rodríguez Muíños, ao que culpan do estancamento das negociacións en prol dunha mellora das súas condicións laborais.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra do Caramiñal.. XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra do Caramiñal.. XUNTA DE GALICIA

A folga convocada pola CNT afectaría tanto ás escolas infantís Galiña Azul, os centros de día e "demais centros dependentes do Consorcio". Por esta razón, os traballadores auguran "un inicio de curso complicado para as familias usuarias dos servizos de coidados xestionados pola Xunta", que cifran en 15.000 familias.

A folga, convocada para o día 5 de setembro terá unha duración de 15 días ao mes durante tres meses, convocada en xornadas de 24 horas comezando ás 00:00 do luns día 5 de setembro e ata o venres 16. Continuará en outubro, do luns 3 ao venres 14, en novembro do luns 2 ao venres 11 e en decembro do 12 ao venres 23. Iso se se chega a facer, porque a propia CNT incide que é "evitable" no caso de que o Consorcio se abra á negociación. De aí tamén o amplo dos tempos --un mes entre a convocatoria e o comezo--.

Así o explican dende o sindicato: "Uns dos grandes afectados serán os períodos de adaptación das galiñas azuis, uns 2.800 nenos e nenas que acudirían por primeiro ano á escola verán este período tan necesario fortemente minguado. Nunha información interna dos e das traballadoras recoñecen non querer facer unha folga tan prexudicial para as persoas máis vulnerables, pero non vemos outra saída para que dende os despachos escoiten as nosas reclamacións".

PIDEN OPOSICIÓNS "ESPECÍFICAS"

Entre os motivos que enumeran dende a Sección Sindical da CNT no Consorcio para endurecer as protestas está que o xerente, explican, non solicitara a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio, e que "desatenda as súas funcións declarándose incompetente para negociar cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están facendo as xerencias doutros entes instrumentais".

Ademais informan ao Señor Perfecto Rodríguez Muíños de que é "o único" que pode parar esta folga cumprindo unha serie de reclamacións do persoal: Garantía dunha convocatoria única e específica, garantía de oposición non eliminatoria, que se contabilice formación impartida polo propio Consorcio, retirada do concurso de traslados, baremación xusta na que a experiencia contabilice o 90% e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou respecto da folga, convocada por CNT que afecta as escolas 'Galiña Azul' e os centros de día do Consorcio de Igualdade e Benestar que "poden estar tranquilas" as familias que poderían resultar prexudicadas.

Así o indicou a conselleira este martes, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación na presentación de novidades do servizo de teleasistencia. O acto celebrouse na fachada principal da sede da Xunta, en Santiago.

A responsable de Política Social explicou que a súa consellería, xunto á de Facenda, manteñen conversacións cos convocantes da folga para "chegar a un acordo". Ademais, puxo de manifesto que as familias disporán de servizos mínimos "ata que se solucione a situación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta