Rueda cualifica de "pura propaganda" as medidas de aforro enerxético do Goberno

O presidente da Xunta considera que hai medidas "máis eficientes" para reducir o prezo da electricidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2022 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cualificou este mércores de "pura propaganda" as medidas de aforro enerxético establecidas polo Goberno central, aínda que subliñou que o Executivo autonómico "sempre cumpre a lei", polo que si aplicará ditas iniciativas.

Así o sinalou o presidente galego tras ser preguntado polos medios de comunicación no marco dunha visita a un novo centro sociocomunitario da localidade coruñesa de Ordes, onde criticou que o Goberno non consultase coas comunidades autónomas as medidas de aforro enerxético, a pesar de que serán estas as que terán a obrigación de controlar que se cumpren.

Ademais, lamentou que tanto a industria como o comercio, que ven afectados as medidas de aforro enerxético, teñen opinións desfavorables ás mesmas. Para Rueda, se realmente se quere aforrar enerxía, hai medidas "moito máis importantes e eficientes", como levar a cabo unha transición enerxética que permitise non ter que pechar industrias "fundamentais" para Galicia e que daban "moitos postos de traballo", en referencia velada ás Pontes e Meirama.

"Isto permitiría, aínda que o Goberno aínda está a tempo pero diso non lle interesa falar, conseguir que a enerxía tivese un prezo alcanzable sobre todo para as familias", reivindicou o mandatario galego, tras criticar a alza "incontida" do prezo da luz.

Segundo el, a pesar de que son medidas de "pura propaganda" e "moi pouca eficiencia", a Xunta acataraas porque "sempre cumpre a lei". "Se o Goberno realmente quere aforrar e ser o primeiro en dar exemplo, segue tendo unha estrutura enorme, que supón moitísimo gasto e iso é algo que non está disposto a aplicarse o conto", sentenciou Alfonso Rueda.

O presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, comparece tras a súa reunión co presidente do Goberno, no Palacio da Moncloa, a 28 de xullo de 2022, en Madrid (España).. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, comparece tras a súa reunión co presidente do Goberno, no Palacio da Moncloa, a 28 de xullo de 2022, en Madrid (España).. Eduardo Parra - Europa Press

CRÍTICAS DE CONDE

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, pediu ao Goberno central que deixe de establecer "medidas improvisadas e estéticas", en relación ás encamiñadas a aforrar enerxía, e instou ao Executivo a que se centre en controlar a inflación e o prezo da luz.

"Os datos de inflación e de emprego son alertas que deberían facer reflexionar ao Goberno sobre as verdadeiras medidas que necesita España", engadiu o vicepresidente primeiro da Xunta, quen puxo sobre a mesa a importancia de conter os prezos, de reducir o custo enerxético e de aumentar a xeración de emprego, ademais de evitar paradas industriais. "Centrémonos na economía e deixemos as medidas estéticas e os debates estériles que non levan a ningunha parte", reivindicou, lamentando a "intención clara" do Goberno de "desviar a atención a aspectos que son irrelevantes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta