Noite de accidentes na provincia de Ourense, con tres coches sinistrados

Tres persoas resultaron feridas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2022 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

Tres persoas resultaron feridas nas últimas horas tras envorcar cos seus coches en senllos accidentes ocorridos de madrugada nos municipios ourensáns do Bolo, Celanova e Coles.O  primeiro ocorreu en Coles sobre as 3,30 horas da mañá, cando un particular chamou ao 112 para pedir axuda para un amigo que sufrira un sinistro na estrada que une Cambeo con Vilar Chao, que envorcara e que non podía saír do vehículo. No trascurso desa chamada, tamén o 061 púñase en contacto co 112 para pedir medios de excarceración.

A partir de aí, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) informou aos Bombeiros do Carballiño, aos membros do GES de Pereiro de Aguiar, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Coles. Finalmente, tras finalizar a súa intervención, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido e o seu traslado nunha ambulancia do 061 ao Hospital de Ourense.

O segundo accidente ocorreu sobre as 6,00 da mañá en Celanova, onde unha persoa resultou ferida despois de envorcar co vehículo que conducía e chocar contra outro tres turismos estacionados na Avenida de San Rosendo. Ata o lugar acudiron, tras recibir a chamada o 112 Galicia por parte dos servizos sanitarios, os Bombeiros do municipio, aínda que non foi preciso o uso do material de excarceración, posto que a persoa estaba fóra do vehículo.

Así mesmo, foron informados polo 112 os axentes de Tráfico, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da Mancomunidade Terras de Celanova. O terceiro dos accidentes tivo lugar no Bolo, sobre as 6,30 horas da madrugada. Unha persoa chamou ao 112 para informar dun coche envorcado cunha persoa atrapada no seu interior na estrada OU-533, no punto quilométrico 42, en Lentellais.

Así, os xestores de emerxencias alertaron ao 061, aos bombeiros de Valdeorras, aos membros do GES da Veiga, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade. Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido e o seu traslado en ambulancia polos profesionais sanitarios.

Sede do 112 / Axega 112  / Europa Press  / Europa Press
Sede do 112 / Axega 112 / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta