O BNG reclama un "punto de inflexión" á política de "desmantelamento" da sanidade e a educación

Os nacionalistas reclaman un "plan de choque" con 200 millóns para Atención Primaria e mil docentes máis para os centros a "curto prazo".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/08/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O viceportavoz do BNG no Parlamento galego Manuel Lourenzo reclamou este luns á Xunta un "punto de inflexión" nas súas políticas de "desmantelamento" e "recortes" na sanidade e a educación públicas, sectores nos que o PPdeG segue a "mesma folla de ruta".

O viceportavoz parlamentario do BNG Manuel Lourenzo
O viceportavoz parlamentario do BNG Manuel Lourenzo | Fonte: BNG.

O parlamentario nacionalista fixo referencia ás "tres ondas" que nestes momentos "converten en cinzas o futuro do país". Á parte dos incendios, que nas últimas semanas arrasaron unhas 40.000 hectáreas en Galicia, referiuse tamén aos servizos públicos.

"Son tres ondas que se están cebando cos galegos con máis intensidade ca nunca e no BNG temos claro que non son froito da casualidade e do azar", advertiu Lourenzo, quen achacou este panorama ás posicións "ideolóxicas" do Partido Popular.

"Tristemente, o que vemos é un PP que segue co ensino público a mesma folla de ruta que coa sanidade e parécenos terrible, porque non queremos escoitar as mesmas escusas de mal pagador para xustificar os seus recortes ideolóxicos e conscientes", manifestou.

Neste contexto, o deputado do Bloque insistiu en que "non pode permitirse nin un minuto máis" que se converta "en cinza o dereito de toda familia a ter unha sanidade pública e unha Atención Primaria digna", nin tampouco a unha educación "de calidade".

En clave sanitaria, Lourenzo esixiu á Xunta "o cesamento inmediato dos recortes" e puxo como exemplo a situación da comarca pontevedresa do Salnés, onde hai "listas de espera de ata 23 días" en poboacións que no verán multiplican "exponencialmente" a súa poboación.

"Que máis ten que ocorrer para que o PP tome medidas dunha vez por todas?", preguntouse. Con todo, o deputado considera "imprescindible" que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) acometa un "plan de choque" en Atención Primaria cunha inxección de 200 millóns de euros, tal e como esixe reiteradamente o BNG.

Así mesmo, lamentou que o PP estea "instalado nun caos absoluto" do sistema sanitario, segundo evidenciou a semana pasada "o circo de cesamentos e dimisións" na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que agora conta con José Flores na dirección despois da súa substitución como xerente do Sergas, cargo que agora ocupa Estrella López-Pardo. Para os nacionalistas, este "cambio de caras" en "ningún caso" dará solucións á atención sanitaria dos galegos.

No que respecta á educación pública, o parlamentario do BNG fíxose eco de "denuncias de toda a comunidade educativa" sobre "recortes de profesorado" para o próximo curso 2022/2023, o que levou a dimisións nalgúns centros da xeografía galega como os de Cedeira (A Coruña) e A Guarda (Pontevedra), coñecidas nos últimos días.

"Están a dicir alto e claro que é imposible xestionar un centro educativo cos recortes que pretenden implementar o Goberno galego", explicou Lourenzo, posto que os destinos provisionais adxudicados pola Consellería de Educación deixou "en evidencia" que haberá "varios centos de profesores menos" con respecto ao curso anterior.

E iso é, engadiu, unha tendencia "contraria ao que está a demandar a comunidade educativa" tras dous cursos de pandemia. A diminución de persoal terá como consecuencia, segundo advertiu, unha "maior carga burocrática" dos docentes e "aulas máis masificadas", tendo en conta que alumnos que precisan máis atención "non a van a ter".

Neste contexto, o deputado do BNG sinalou que o punto de partida do próximo curso "ten que ter como referencia o primeiro ano de pandemia, cando si se produciu un aumento" do persoal. Segundo Lourenzo, o que precisa o conxunto da comunidade educativa é "mil profesores máis no curto prazo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta