Máis de 4.500 hectáreas queimadas na primeira semana de agosto

Catro incendios permanecen sen extinguir en Galicia: Boiro, Verín, Ponte Caldelas e Caldas de Reis.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 09/08/2022 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

Catro incendios forestais permanecen sen extinguir en Galicia nestes momentos, segundo as últimas cifras ofrecidas pola Consellería do Medio Rural con datos recollidos ata as 08,00 horas deste martes. Trátase dos de Boiro (A Coruña), Verín (Ourense), Ponte Caldelas e Caldas de Reis (Pontevedra).

O de maior entidade, que se atopa estabilizado desde as 12,28 horas deste luns, é o que se declarou o pasado xoves na parroquia de Cures, no municipio coruñés de Boiro, e que afectou tamén aos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este lume é o de maior superficie calcinada no mes de agosto en Galicia, con 2.200 hectáreas ardidas.

Mentres, o de Verín, en Ourense, continúa controlado desde as 11,51 horas deste luns. Neste incendio, que segundo a Xunta se iniciou en máis de dez focos diferentes, arderon unhas 600 hectáreas.

Por outra banda, na provincia de Pontevedra atópanse controlados os lumes da parroquia de Xustáns, na localidade pontevedresa de Ponte Caldelas --controlado ás 12,05 do luns--, e o de Caldas de Reis, declarado na parroquia de Saiar e que se estendeu ata o veciño concello de Vilagarcía.

No último parte de Medio Rural tampouco se aprecian cambios na superficie afectada nestes dous incendios, que se manteñen sen cambios: 380 hectáreas calcinadas no de Ponte Caldelas e 450 no de Caldas de Reis.

INCENDIOS EXTINGUIDOS

Ademais, a Xunta deu por extinguidos os incendios que permanecían activos no municipio pontevedrés de Arbo. En concreto, o da parroquia de Mourentán foi extinguido ás 23,00 horas deste domingo, cunha superficie afectada de 484,68 hectáreas --364,68 de arboredo e 120 hectáreas de monte raso--. O de Barcela, que se deu por extinguido á mesma hora, calcinou 82 hectáreas --70 de arboredo e 12 de monte raso--.

Este luns, a Consellería tamén notificou que extinguiu ás 03,40 horas un incendio forestal no concello ourensán de Calvos de Randín, que se iniciou ás 00,56 deste luns e que afectou a 0,1 hectáreas de monte raso do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

En total, os incendios forestais que se produciron na última semana en Galicia calcinaron xa unhas 4.500 hectáreas nas provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra.

Incendio iniciado en Boiro, a 6 de agosto de 2022, en Boiro, A Coruña.. César Arxina - Europa Press
Incendio iniciado en Boiro, a 6 de agosto de 2022, en Boiro, A Coruña.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta