A Xunta di que "non hai ningún incendio con chama activa" en Galicia

"Desde o momento que pasan a estabilizado ou controlado, significa que non hai chamas no perímetro", di o conselleiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou este martes que xa "non hai ningún incendio activo" en Galicia, xa que os aínda non extinguidos están ou ben controlados ou ben estabilizados, e insistiu en advertir aos incendiarios: "Ímolos a coller, vai caer sobre eles todo o peso da lei". Unhas declaracións que fai cando aínda están sen extinguir catro grandes lumes.

En declaracións aos medios tras visitar unha planta de gasificación de fariñas cárnicas en Cerceda, González detallou que non quedan lumes con chama activa, tal e como se desprende do último parte da Xunta ás 8,00 deste martes. Ademais, "o único que está estabilizado" e que "ao longo do día" prevese que pase a estar controlado é o de Boiro (A Coruña), cunhas 2.200 hectáreas calcinadas e que tamén afecta os municipios veciños de Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

"Desde o momento que pasan a estabilizado ou controlado, significa que non hai chamas no perímetro. Están perimetrados polo dispositivo de prevención e extinción", explicou o conselleiro, quen tamén sinalou que estarán "dalgún modo vixiando" ante "posibles puntos de reprodución" polas condicións climatolóxicas.

"NOVE INTENTOS DE PRENDER"

Así mesmo, o titular de Medio Rural da Xunta anunciou que a pasada noite houbo "nove intentos de prender" lume. "Pola noite non hai medios aéreos. Non hai treboada seca e non había preto liñas eléctricas, e por tanto detrás claramente hai a man do home", afirmou.

Neste contexto, José González apelou á "concienciación cidadá" para que, tanto en casos de intencionalidade como de neglixencias, se eviten "comportamentos que poidan desembocar nalgún incendio". Así, pediu aos veciños que, se ven calquera actitude sospeitosa, avisen "por calquera medio", tamén aos teléfonos 085 e 900 815 085.

O conselleiro detallou que este mes xa houbo "120 chamadas" a estes números e que "algunha delas está a abrir liñas de investigación". "Temos cámaras, drones e toda a xente das forzas de seguridade do Estado e a UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais) de Medio Rural. Podemos trasladar con claridade a todos aqueles que de modo intencionado están a provocar incendios en Galicia, que os imos a coller e que vai caer sobre eles o peso da lei", advertiu.

"AVALIANDO DANOS"

Preguntado sobre se a Xunta prevé aprobar máis axudas aos afectados polos lumes, despois das liñas xa lanzadas para reparar casas arrasadas na primeira onda de xullo, o conselleiro respondeu que por agora están "a avaliar danos" e comprobando "posible existencia de escorrentías e erosións" no terreo, como xa fixeron "estes días" en Valdeorras (Ourense) e O Courel (Lugo) os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

De feito, avanzou que "proximamente" acudirán á zona arrasada en Boiro, despois de que as mariscadoras da zona preguntasen á Xunta sobre se algunhas escorrentías poderían afectar á súa actividade.

"Despois imos analizar con claridade a medio e longo prazo a recuperación das zonas afectadas por incendios forestais utilizando os mecanismos que ata agora non tiñamos pero que agora dispomos deles", agregou, en referencia á lei de recuperación da terra agraria e ao anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios.

O conselleiro do Medio Rural, José González, no Parlamento de Galicia. XUNTA
O conselleiro do Medio Rural, José González, no Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta