Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/08/2022 | Actualizada ás 19:41
Os coordinadores sanitarios do distrito do Salnés e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, mantiveron unha reunión no Hospital do Salnés para ampliar a dispoñibilidade e a colaboración conxunta neste verán. Fixérono co foco na Festa da Auga, pero tamén para reforzar as actuacións coordinadas fronte ás agresións a persoal sanitario.
Así as cousas, no marco desta reunión analizáronse os protocolos de actuación conxunta ante agresións ao persoal sanitario. Precisamente, en xullo o sindicato FTSP-USO denunciou o intento de agresión cun coitelo a un médico do Hospital do Salnés por parte dun paciente que esixía ser examinado. Ademais, o paciente esnaquizou "o que atopou ao seu paso" na zona de recepción de urxencias do complexo hospitalario.
O sindicato puxo de relevo que no momento do ocorrido "un único vixiante de seguridade estaba de servizo" e este, canda o resto do persoal, "só puido refuxiarse ata a chegada de varias patrullas dos Corpos de Seguridade do Estado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.