O fracaso do bono social eléctrico: “Non axudou a mitigar a pobreza enerxética”

Un estudo da Universidade de Santiago cuestiona a eficacia desta axuda. CCOO avisa tamén de problemas na aplicación deste desconto. A pobreza enerxética multiplicouse por dous en Galicia entre 2017 e 2021.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O bono social de electricidade púxose en marcha no ano 2009 para axudar a persoas en risco ou situación de pobreza enerxética. Porén, mostrouse como unha ferramenta ineficaz. Cando menos isto é o que defenden María Cadaval, Rosa María Regueiro Ferreira e Santiago Calvo, economistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que avaliarion a eficacia deste subsidio na redución da pobreza enerxética. “Os resultados mostran que o bono social de electricidade non axudou a mitigala”, afirman.

Unha muller e a súa crianza cean á luz dunha vela
Unha muller e a súa crianza cean á luz dunha vela | Fonte: arquivo

Como salientan estes economistas, “a enerxía converteuse nun ben estrutural de primeira necesidade” e, contra o que se agarda, produciuse “un aumento da vulnerabilidade enerxética dos fogares en España”, puidendo identificarse “fogares pobres enerxeticamente con novos indicadores subxectivos e obxectivos”, é dicir, unha combinación de indicadores para definir e medir a pobreza enerxética, utilizando variables obxectivas, baseadas na renda e gasto enerxético dos fogares, e variables subxectivas, baseadas nas percepcións individuais das persoas mediante enquisas, concretamente, a Enquisa de Condicións de Vida, que publica anualmente o Instituto Nacional de Estadística (INE), e da que utilizaron os paneis lonxitudinais de 2008-2011 e 2016-2019.

As familias con máis risco de pobreza enerxética son as formadas por membros de menor idade media, as máis numerosas, con baixo nivel de ingresos e cuxo cabeza de familia é muller ou ten un baixo nivel de estudos

"As medidas obxectivas do esforzo do gasto en electricidade dependen de factores como a localización xeográfica ou o tipo de vivenda, polo que non reflectirían unha imaxe completa do problema. Por este motivo, existe evidencia de que estes dous indicadores, utilizados de forma complementaria, proporcionan estimacións máis sólidas. Así, a pobreza enerxética tería un carácter multidimensional, no que os criterios considerados poden ter diferente importancia relativa e a asignación de pesos é un proceso arbitrario que require xuízos de valor”, explican.

Así, tiveron en conta que o consumo eléctrico e a pobreza enerxética poden verse afectados pola antigüidade da vivenda, o número de membros que compoñen a unidade do fogar e a súa idade media, a renda anual, o xénero e o nivel educativo do cabeza de familia, se a vivenda está situada nun medio rural ou urbano, se está situada nun edificio ou é se é unha casa, e a comunidade autónoma na que se asenta.

Polo tanto, e dadas as “limitacións atopadas nos indicadores de tipo obxectivo”, as estimacións centrais deste traballo baséanse en indicadores subxectivos, considéranse os seguintes aspectos, a partir da enquisa de Condicións de Vida dos fogares: a capacidade para manter a casa a unha temperatura adecuada no inverno (Temperatura); atrasos no pago das facturas dos servizos públicos (atrasos); e a existencia de filtracións na cuberta ou humidades nos muros (Humidades).

As estimacións do modelo aplicado sobre o impacto causal do bono social de electricidade mostrou que esta ferramenta non tivo un impacto significativo na mitigación da pobreza enerxética dos fogares. Os resultados indican, ademais, que as familias máis susceptibles de ser pobres enerxeticamente son as formadas por membros de menor idade media, as máis numerosas, con baixo nivel de ingresos, que residen en vivendas illadas ou con poucas habitacións, e cuxo cabeza de familia é muller ou ten un baixo nivel de estudos.

“O efecto do bono social ten un efecto limitado; non axudou a mitigar a pobreza enerxética, senón a identificar novas tipoloxías de fogares enerxeticamente pobres”

Os resultados do estudo avalan que “o efecto do bono social de electricidade ten un efecto limitado na redución da pobreza enerxética”. De feito, “non axudou a mitigar a pobreza enerxética, senón a identificar novas tipoloxías de fogares enerxeticamente pobres”, explican os autores da investigación, que observan un aumento destes.

“O problema da pobreza enerxética está ligado á desigualdade enerxética, que amosa as diferenzas nos niveis de acceso á enerxía a nivel mundial, e no consumo de enerxía per cápita por localización, mostrando a fenda de consumo enerxético entre os países máis ricos e os menos ricos. E sendo algúns dos seus principais condicionantes o acceso á enerxía (cantidade e calidade), o consumo enerxético e o seu impacto ambiental, estilo de vida e modo de produción, é fundamental afondar no estudo da súa dimensión”, xustifican os economistas da USC.

Considerar a pobreza enerxética como un problema multidimensional “pode ser útil para os responsables políticos que buscan unha comprensión máis detallada das características dos fogares pobres en enerxía e do impacto das medidas implementadas”, comentan.

Así, consideran que “pode ser de interese centrar o debate público en factores como a xestión de situacións de emerxencia; paliar as causas da pobreza energética; mellorar a identificación dos fogares pobres en enerxía e o coñecemento das desigualdades da pobreza enerxética; promover o benestar como clave contra a pobreza enerxética, e mellorar a normalización e industrialización no rendemento enerxético dos edificios e como pagalo pola poboación pobre; desenvolver programas para estudar e previr a pobreza enerxética, por exemplo, estudando as poboacións que reciben subsidios ou a poboación en risco de exclusión social”. E “todas estas actuacións, medidas e estudos deben deseñarse en función das características sociais, económicas e enerxéticas de cada autonomía”, conclúen.

CRÍTICAS DE CCOO

Desde o sindicado Comisións Obreiras identificaron os problemas deste bono social eléctrico. Un deles, segundo CCOO, é que “non cobre toda a poboación que o necesita”. Segundo datos de maio de 2021, no Estado español había 1,2 millóns de beneficiarios desta axuda. Como son puntos de subministración, se se multiplica esa cifra polo tamaño medio de fogar en España, 2,5 persoas, dá como resultado 2,9 millóns de persoas cubertas polo bono social eléctrico, segundo cálculos do sindicato.

“Esa cifra está afastada das estimacións que se obteñen a partir dos indicadores da Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética”, apuntan desde CCOO, que recolle datos do INE referidos a 2020, cando había entre 2 e 3 millóns de fogares afectados pola pobreza enerxética, e entre 4,5 e 8 millóns de persoas nesa situación.

Outro problema que identifica CCOO son os “límites máximos de enerxía non adaptados aos consumos reais e aos prezos da enerxía”, xa que, como explican, os descontos na factura de electricidade que ofrece o bono social eléctrico se aplican sobre uns límites máximos de consumo de enerxía anuais que, por unha banda, son inferiores aos consumos medios anuais e, por outro, son iguais para todos os fogares.

"Nunha vivenda unifamiliar con todos os consumos electrificados, o bono social cubriu entre o 5% e o 19% do consumo en marzo de 2022; o resto tivo que abonarse a uns prezos moito máis altos que o ano anterior"

Nun contexto de prezos elevados, e en consonancia cos criterios utilizados polos investigadores da USC, o sindicato considera “prioritario ter en conta os consumos reais e os factores que inflúen”, entre os que destaca o tipo de vivenda, xa que “unha vivenda unifamiliar consome máis do dobre de enerxía que un piso, sobre todo en calefacción”. CCOO expón que a calefacción supón o 34% da enerxía consumida nun piso, mentres que sobe ao 67% no caso dunha vivenda unifamiliar.

Outro factor a ter en conta debería ser a enerxía utilizada para a calefacción e a auga quente, xa que se estima, segundo CCOO, que un 18% das vivendas principais contan con calefacción eléctrica3.

E un terceiro factor a ter en conta sería a zona xeográfica, xa que algúns territorios teñen un clima máis extremo que outros, o que se traduce nun maior consumo de enerxía.

“Nos últimos meses, os fogares con calefacción e auga quente fornecidas por electricidade atopáronse, de súpeto, cuns prezos da luz na tarifa PVPC desorbitados e con que o bono social cubría só unha parte reducida da factura”, lamentan desde o sindicato. Así, exemplifican que “nunha vivenda unifamiliar con todos os consumos electrificados, o bono social tería cuberto entre o 5% e o 19% do consumo en marzo de 2022; o resto da electricidade tivo que abonarse nese mes a uns prezos moito máis altos que o ano anterior, que situaron a factura mensual entre 394 e 474 euros, segundo o colectivo beneficiario ao que se pertenza”.

Para mellorar a protección, CCOO pide que o bono social eléctrico teña en conta os consumos reais de electricidade e, sobre a base destes, establecerse descontos que permitan aos fogares con menos recursos acceder á enerxía a un custo adaptado aos seus ingresos. Ademais, “dada a incerteza sobre o importe futuro da electricidade, as porcentaxes de desconto deberían adaptarse periodicamente ás variacións que se produzan no prezo almacenista”, argúe este sindicato, que ve tamén “necesario avaliar con regularidade a protección que estas medidas están a ofrecer aos diferentes tipos de fogares”.

SITUACIÓN EN GALICIA

Os datos da Enquisa de Condicións de Vida referidos a 2021, e publicados o 29 de xuño de 2022, mostran que a porcentaxe de poboación no Estado español que non pode manter unha temperatura adecuada na súa vivenda no inverno aumentou ata o 14,3% (6,7 millóns de persoas). Son 1,6 millóns de persoas máis que en 2020 e case o dobre que en 2019 (entón eran 3,5 millóns de persoas, 7,6% da poboación).

O número de fogares e de persoas que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada duplicouse en Galicia entre 2017 e 2021

En Galicia, a porcentaxe de fogares que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada dobrouse entre os anos 2017 e 2021, até acadar o 13,8%. Con todo, Galicia ocupa o posto 13 entre as 17 comunidades autónomas máis Ceuta e Melilla, con 1,4 puntos por baixo da media estatal.

En canto á porcentaxe de persoas que non poden permitirse manter a vivienda cunha temperatura adecuada, tamén se dobrou no mesmo período de tempo, até chegar ao 13,1%, o que sitúa Galicia no posto 12 e 1,2 puntos por baixo da media estatal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta