Goza do "cómic alternativo" na Coruña esta fin de semana

Autobán chega a súa 14ª edición esta fin de semana na Coruña. Un evento independente lonxe doutros formatos clásicos como Viñetas desde o Atlántico.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Autobán, o festival coruñés de "cómic autoeditado e alternativo" acada este agosto a súa décimo cuarta edición, despois de seis edicións de verán, outras tantas de inverno, e unha última edición en liña por mor da pandemia.

Unha das edicións de Autobán, a festa do 'cómic alternativo'
Unha das edicións de Autobán, a festa do 'cómic alternativo' | Fonte: remitida

Medio cento de creadoras e creadores inscritos porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con obradoiros, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes.

O Autobán é a festa dos autores e autoras de banda deseñada que publican os seus propios traballos. Nos últimos anos o Autobán sitouse como un punto de referencia inexcusable na Península Ibérica para os amantes dos fanzines, do cómic independente e das novas xeracións de valores, que encontraron no evento coruñés unha lanzadeira ideal e un punto de confluencia caracterizado polo bo ambiente.

"Este ano contarase con nomes habituais no panorama galego, tanto mozos como sinaturas consagradas, aos que se sumarán promotores de proxectos autoeditados desde Madrid, Barcelona, Valencia, Baleares, Cantabria e mesmo Portugal", indican desde a organización.

Autobán 2022 terá lugar entre o venres 12 e o sábado 13 de agosto, o primeiro día no Bar Monty, na praza do Papagaio, e o sábado na céntrica praza de San Andrés. En datas esta fin de semana coincide coas festas da cidade, e especialmente co Noroeste e con Viñetas desde o Atlántico, o que a converte na ocasión perfecta para se achegar á cidade herculina. As actividades son de asistencia gratuíta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta