Seguen subindo os contaxios de Covid en Galicia, pero baixan os hospitalizados

Rexistra 189 contaxios máis nas últimas 24 horas e 38 infeccións activas máis, pero baixan a 227 os ingresados (14 menos).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 continúan marcando unha liña ascendente, con 189 máis nas últimas 24 horas (16 máis), mentres que soben tamén as infeccións activas ata as 2.239 (38 máis). Os hospitalizados, con todo, continúan á baixa, con 227 pacientes (14 menos).

Así o reflicte o último parte da Consellería, con datos actualizados ata as 18,00 horas do mércores 10 de agosto, que indica descensos tanto en UCI, con 14 ingresados (-2) e en unidades convencionais, onde hai 213 (-12).

Por áreas sanitarias, na Coruña e Cee baixan a 57 os hospitalizados en planta (-4) e a dúas en críticos (-1); en Pontevedra hai 30 ingresados en planta (-2) e un en UCI (sen cambios); e en Santiago son 30 os hospitalizados en unidades convencionais (-1) e tres en críticos (sen cambios).

Descenden tamén os ingresados en Lugo, con 30 pacientes en planta (-2) e un en coidados intensivos (-1); e en Vigo, que conta con 16 hospitalizados en unidades convencionais (-5) e tres en UCI (sen cambios).

Con todo, a redución de hospitalizados non é xeneralizada, xa que soben nas áreas sanitarias de Ferrol e Ourense. Na primeira, son 11 os ingresados en planta (+1) e un en críticos (sen cambios); e 39 en unidades convencionais na ourensá (+1) e tres en UCI (sen cambios).

CASOS ACTIVOS E CONTAXIOS

Os casos activos, pola súa banda, rexistran un leve incremento ata os 2.239, 38 máis que os notificados o mércores.

Por áreas, aumentan en catro das sete. Na Coruña, son 526 (+27); en Santiago, 342 (+4); en Pontevedra, 236 (+12); e en Lugo, 293 (+12). Por contra, descenden en Ferrol, que notifica 189 (-15); Ourense, 360 (-1); e Vigo, 283 (-2).

Sobre os novos contaxios, continúan aumentando paulatinamente e sitúanse agora nos 189, 16 máis que o mércores --cando xa aumentaran--. Deles, 49 notificáronse na área da Coruña, 17 en Vigo, 21 en Santiago, 23 en Pontevedra, 27 en Ourense, 28 en Lugo e 22 en Ferrol.

FALECIDOS E CURADOS

Doutra banda, o cómputo de falecidos desde o inicio da pandemia ascende a 3.859. Este xoves, Sanidade notificou catro falecementos de persoas con patoloxías previas, rexistrados entre o 8 e 9 de agosto.

O día 8, rexistrouse o falecemento dun home de 98 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee. Os outros tres notificáronse o día 9 e corresponden a un home de 92 anos, tamén da área coruñesa; e a un home de 84 anos e a unha muller de 88 anos, ambos os da área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Dous peregrinos consultan un teléfono móbil nas inmediacións da Oficina do Peregrino, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela
Dous peregrinos consultan un teléfono móbil nas inmediacións da Oficina do Peregrino, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela | Fonte: César Argina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta