O Sergas pecha as axendas de médicos en Sanxenxo ante a previsión falta de persoal

Dos oito médicos do centro de saúde de Baltar, prevese que estean dispoñibles só catro "e, posiblemente, tres nos días seguintes".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/08/2022 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A Xunta planificou a "inactivación" das axendas ante a previsión de que estean dispoñibles só catro médicos no centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, "e, posiblemente, tres nos días seguintes, dos oito que conforman o persoal". O obxectivo, segundo a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, é "manter unha adecuada atención á totalidade da poboación desta localidade" e "dedicar todos os efectivos para atender as consultas urxentes".

Centro de Saúde de Baltar en Sanxenxo
Centro de Saúde de Baltar en Sanxenxo | Fonte: Google Maps.

Trátase, asegura, dunha medida "provisional" que está previsto manter "inicialmente" ata o vindeiro mércores 31 de agosto.

A pasada semana o xerente e a directora da área sanitaria desprazáronse ata o centro de saúde de Baltar, onde mantiveron unha reunión técnica cos facultativos para analizar a situación e planificar alternativas que garantan a continuidade asistencial.

Durante o encontro estableceuse un circuíto para que a renovación de receitas se efectúe pola farmacéutica de atención primaria do centro de saúde da localidade pontevedresa.

Así, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés subliña que busca unha reorganización "responsable" dos medios asistenciais de atención primaria e argumenta que está condicionada pola carencia de profesionais para a contratación no ámbito de medicina de familia, ademais das vacacións e as baixas por diversa índole.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta