Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/08/2022 | Actualizada ás 17:44
O BNG rexistrou no Parlamento unha solicitude de comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "para que dea explicacións" ante o falecemento dunha muller en Baltar (Sanxenxo) que non dispuxo da ambulancia que solicitou a súa familia.
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, asegurou que a denuncia "non pode pasar coma se non fose algo grave". Este é, dixo, "un novo caso no que se denuncia que a falta de medios para atender a unha persoa que estaba enferma tivo drásticas consecuencias".
"Cremos que a Xunta debe dar explicacións porque é responsabilidade do Goberno galego dar a cara", advertiu, preocupada pola situación do sistema sanitario público galego.
Ao seu xuízo, "o PP está a converterse nun problema para a saúde dos galegos e hai que frear esta deterioración". O "caos na sanidade pública", na súa opinión, é o que "provoca que unha persoa que pide unha ambulancia non a teña".
Os familiares da falecida "teñen dereito a saber que pasou", polo que Ana Pontón instou a que se abra unha investigación "que depure as responsabilidades que poida haber".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.