Formoso reclama "unha proposta seria" ante os problemas sanitarios da área de Pontevedra

Algúns pacientes da provincia esperan "ata 25 días para unha cita co seu médico de cabeceira, algo inédito na Atención Primaria de Galicia", denuncia o PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/08/2022 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo fincapé na necesidade de elaborar "unha proposta seria" para solucionar os problemas sanitarios da área de Pontevedra, algo que, na súa opinión, pasa por aumentar os recursos humanos e económicos. En declaracións aos medios antes de participar nunha comida con socialistas de Cuntis, Formoso lembrou que a de Pontevedra é "unha provincia especialmente castigada pola Xunta no ámbito sanitario".

En particular, falou de "PACs pechados" e outros con problemas de funcionamento, como o de Sanxenxo, onde "xa non se admiten máis consultas", así como algúns pacientes da provincia que esperan "ata 25 días para unha cita co seu médico de cabeceira, algo inédito na Atención Primaria de Galicia", resolveu.

En conxunto, o líder dos socialistas galegos cre que o sistema "adoece dunha proposta seria" á situación actual, con "139 millóns de euros menos dos que terían que dedicarse a Atención Primaria" e "976 profesionais menos na relación de postos de traballo do Sergas". "Son datos obxectivos que fan que salten todas as costuras do sistema e quen o paga son os veciños da provincia de Pontevedra, que merecen unha sanidade digna", concluíu.

González Formoso atendendo os medios antes de acudir ao acto. PSDEG
González Formoso atendendo os medios antes de acudir ao acto. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta