Volve a Xuntanza Internacional de Gaiteiros ao castelo de Monterrei

Terá lugar os días 26 e 27 de agosto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2022 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O castelo de Monterrei, en Verín, acollerá os días 26 e 27 de agosto a XXXVII Reunión Internacional de Gaiteiros, unha cita que reunirá na fortaleza a unha vintena dos máis destacados músicos e agrupacións chegadas de diversos puntos de Galicia, pero tamén doutros países como Bélxica, Cuba ou Francia, ademais de ofrecer exposicións e conferencias.

O evento, que conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense, presentouse no Pazo Provincial coas intervencións do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez e o director da Escola de Gaitas, Xose Lois Foxo. Rosendo Fernández cualificou esta actividade como "unha cita destacada dentro do calendario de actividades culturais da provincia", pola que "pasaron ao longo do tempo os mellores gaiteiros de calquera lugar do mundo".

Deste xeito asegurou que o goberno provincial "contribúe a reforzar a identidade propia que representa a gaita". Ademais, lembrou que está declarado evento de interese turístico e cultural desde o 2016. Pola súa banda, o rexedor municipal de Monterrei apuntou que a vila se converteu en 2007 en sede permanente do evento e apostilou que "foi todo un acerto". Á súa vez, Xose Lois Foxo hamanifestado a necesidade de homenaxear ás persoas que "transmitiron a cultura da gaita ao longo dos séculos". Po iso, esta edición dedícase ao mestre gaiteiro coruñés Miguel Angel Lopez Paradela.

ACTIVIDADES

O programa da XXXVII Reunión Internacional de Gaiteiros comezará o venres, día 26, cun curso de técnica de Uileann Pipe, gaita irlandesa, a cargo de César Pastor, nunha xornada que se completa cun concerto da cantante Carmen Penim. Haberá tamén unha exposición fotográfica sobre a gaita desde o século XII ao XX.

O sábado, día 27, o investigador francés Jean-Luc Matte ofrecerá unha conferencia sobre a representación dos pastores na iconografía do Nadal. O acto principal será ás 19,00 horas coa intervención de case vinte músicos de agrupacións musicais. Entre eles figuran o cubano Alejandro Suárez, a belga Marieke Van Ransbeek ou o pontevedrés Óscar Ibáñez. Pechará o evento a Real Banda de Gaitas da Deputación desde a base do castelo.

Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei
Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta