Novos nomes para o cartel do 'Revenidas': Sés, Caamaño & Ameixeiras e Ortiga

Coas novas incorporacións anunciadas, o Revenidas convértese na gran festa da música galega do 2022. Trece dos 14 grupos e artistas que se incorporan ao cartel final son galegas/os.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 25/08/2022 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O Festival Revenidas de Vilaxoán, pecha o seu cartel definitivo coas incorporacións de Sés, Ortiga, Grande Amore, Caamaño & Ameixeiras e The Rapants, artistas que se suman a outros xa anunciados como Monolious, Boikot, Lendakaris Muertos, Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría ou os portugueses Plectro, gañadores da última edición do certame Xenerasón Rock, organizado polo festival Go! Go! Zo!.

Camiseta oficial do Revenidas 2022. Foto: Revenidas
Camiseta oficial do Revenidas 2022. Foto: Revenidas

ARTISTAS EMERXENTES E ARTISTAS LOCAIS

O encontro musical aposta sen complexos por artistas e grupos consagrados, pero tamén por outros moitos que están a marcar a referencia entre a mocidade (e non tan mocidade) galega, en distintos xéneros e estilos. Faino contando con bandas emerxentes como The Rapants, Copa Turo e Doen, ou músicos que están a dar os seus primeiros pasos pero que xa están a chamar a atención como é o caso de Plectro ou da pontevedresa Sinner. Tamén reserva un lugar o Revenidas para artistas arousáns como é o caso de Kris K Dj e La Yaya Dj, así como Os Terribles de Arousa e os citados Doen e Copa Turbo.

Os abonos e as entradas por día para o festival, que se celebrará do 7 ao 11 de setembro, están á venda en www.revenidas.com

MÉRCORES 7, COMEZA A FESTA

Tamén se coñecen xa os artistas convidados que participarán na gran festa que Boyanka Kostova están a organizar para a primeira noite do Revenidas, a do 7 de setembro. Xunto a  Saibran Yiyi e Chicho do Funk estarán Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew e Mundo Prestigio.

Dakidarría lanza o seu sexto álbum 'Colaxe'.
Dakidarría lanza o seu sexto álbum 'Colaxe'.

O DOMINGO, DE BALDE

A derradeira xornada do Revenidas, a do domingo 11 de setembro, inclúe a celebración de varios concertos, a tradicional sardiñada popular, actuacións teatrais e a gala de circo. Todo con entrada de balde.

Na parte musical actuarán Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband.  

A gala de circo servirá para celebrar os 20 anos en escena de Peter Punk. O popular pallaso contará para esta ocasión especial coa presenza de convidados como Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas.

Na vertente teatral, a compañía Paraíso porá en escena 'Os diarios de Eva e Adán (Boleros no paraíso)', interpretada por Inés Salvado e Sergio Piñeiro e con música en directo de Xosé Lois Romero e Xoán Porto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta