O traballo na sanidade: un sector mal xestionado e no que aumentan as agresións

Os sindicatos vincúlano coa falta de traballadores e a xestión e a Xunta defende os plans contra a violencia externa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Sindicatos sanitarios alertan dun aumento das agresións ao persoal que traballa neste sector e urxen medidas. E é que, a pesar da existencia de plans para a violencia externa, sosteñen que non hai unha difusión adecuada entre o persoal e que a "burocracia" dificulta a denuncia. Ademais, vinculan a situación coa "falta de persoal" e a "xestión".

De acordo cun estudo do sindicato de enfermaría Satse, publicado en maio deste ano, oito de cada dez enfermeiras e enfermeiros de Galicia foron agredidos mentres desempeñaban o seu labor asistencial e de coidados nun centro sanitario ou sociosanitario, dos que case a metade fórono ata en cinco ocasións e case un 18 por cento en máis de 10 ocasións.

En concreto, o 79,45 por cento das enfermeiras e enfermeiros de Galicia consultados por Satse sufriu algunha agresión, xa sexa física (empuxóns, retencións involuntarias ou puñadas) ou verbal (ameazas, vexacións ou insultos) na súa vida laboral, sexa por parte de pacientes ou familiares destes.

Segundo Satse, a maior porcentaxe de agredidos rexistrouse nos servizos do hospital, onde, CIG-Saúde, coincide en que se contabilizan o maior número de agresións. Así, de acordo con datos de 2021, o 39% foron en Atención Primaria e o 61% en Atención Hospitalaria. En relación a 2020, nesta diminuíron un 9% mentres que en Atención Primaria aumentaron na mesmo porcentaxe.

UNS 480 CASOS EN 2021

Cos datos achegados pola CIG e a Consellería de Sanidade, o ano pasado houbo un total de 473 episodios de violencia deste tipo fronte aos 455 de 2020. O persoal afectado, segundo a central sindical, situouse en 498, un 1,29% do total do persoal. Sobre o tipo de violencia, precisan que aumentaron as agresións verbais e descenderon as físicas.

Un 30% foron no último ano físicas --140-- e un 70% verbais --331--, aos que se suman os danos a bens. As primeiras rexistraron un descenso respecto de 2020 -- cando houbo 287-- e as segundas un aumento, con 168 hai dous anos. Por categorías afectadas, un 18% son celadores; un 15%, persoal de coidados auxiliares de enfermaría; os 14% facultativos; os 13,9% enfermeiros e o 6% persoal administrativo.

Desde Sanidade sosteñen que "o 100% dos episodios foron de carácter leve" e remarcan o feito de que se trate dunha porcentaxe "do 0,001%". "Tendo en conta os máis de 34,4 millóns de actos asistenciais durante 2021". Sobre os agresores, sinala que eran persoas en "estado de alteración por alcol ou drogas" ou eran "pacientes psiquiátricos".

Varios sanitarios ao redor dun paciente ingresado na UCI
Varios sanitarios ao redor dun paciente ingresado na UCI | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

CAUSAS

"Sempre houbo agresións físicas e verbais, agora agravadas pola pandemia e o empeoramento recorrente das condicións de traballo", expón o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, quen apunta á falta de persoal, as listas de espera ou a imposibilidade de "resolver demandas en tempo e forma". A iso, suma unha Atención Primaria "colapsada".

O sindicato médico O'Mega alerta, pola súa banda, do número de casos nos centros de saúde. O seu secretario xeral, Manuel Rodríguez, explica que é "onde se producen máis agresións xa que o contacto cos pacientes é moito máis directo e hai máis accesibilidade".

En canto aos efectos de pandemia, coincide en que "só actuou como detonante agudo dunha situación crónica xerada desde hai 20 anos polos distintos gobernos, tanto autonómicos como centrais, de calquera cor ou ideoloxía, a pesar dos continuos avisos de sindicatos, sociedades científicas e colexios profesionais".

Desde Satse, insisten en que pola "burocracia" moitos profesionais acaban por non denunciar e as agresións non pasan de figurar como "accidentes laborais". "Facilítase pouco desde a administración estes trámites e faltan campañas informativas por parte da Consellería".

Así o asevera Asunción Maus, representante autonómica, en referencia aos trámites posteriores á denuncia dunha agresión. A iso, vincula que sexan só "unha pequena parte" os casos que acaban en denuncia penal.

Por outra banda, remarca que "o 80% das agresións son a mulleres". "Os profesionais non son culpables da situación, están a facer o seu traballo", indica sobre a falta de persoal e "uns recortes que afectan", aludindo tamén ás listas de espera ou o número de pacientes por médico. "É un problema de xestión", sentenza.

RESPOSTA DA XUNTA

A Consellería apunta que todas as xerencias "contan cun sistema de aviso" --unha aplicación, coñecida como Abacele-- para que o profesional poida solicitar axuda. A iso, suman o plan para a prevención de violencia externa en cada área, pero baseado "nun modelo unificado".

"Máis do 90% do persoal entrevistado coñece o seu procedemento", engade. Na mesma liña, sinala que seguen traballando para "mellorar as medidas xa implantadas" e que apostan pola "información e a formación" para o manexo de "condutas desafiantes, xestión de tensión ou autocuidado emocional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta