"O dano psicolóxico que causa a violencia dixital é infinito. Estás alerta as 24 horas do día"

Trátase dun acoso máis invisibilizado e aínda pouco recoñecido, aínda que ten graves efectos psicolóxicos sobre as vítimas. Dende a Asociación Stop Violencia de Género Digital demandan reformular protocolos de actuación, máis formación na xustiza e mellor educación dixital para a sociedade.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 22:07

Comparte esta noticia

A violencia dixital, ese acoso realizado a través das redes sociais ou das aplicacións de mensaxería instantánea, medrou máis dun 17% no último ano, segundo as cifras do Sistema Estatístico de Criminalidade (SEC) dependente do Ministerio do Interior. Os seus efectos sobre as vítimas, moitas delas mocidade ou tamén mulleres de mediana idade, déixanse sentir na saúde mental a través dunha tensión constante, ansiedade e desgaste emocional.

Unha moza emprega un teléfono móbil
Unha moza emprega un teléfono móbil | Fonte: Xunta de Galicia.

Máis invisible que outro tipo de violencias, aínda que non menos grave, estas condutas seguen sen denunciarse en moitos casos, a pesar de que o Estado español se sitúa entre os máis afectados de Europa polo uso do Stalkerware, un software que permite espiar a vida privada doutra persona mediante un dispositivo intelixente, tal e como sinala o informe "The State of Stalkerware in 2021" realizado por Kaspersky.

Falamos sobre esta problemática con Encarna Iglesias Pereira, presidenta da Asociación Stop Violencia de Género Digital e directora do Observatorio de Violencia Dixital no Estado.

Cal é a túa historia personal que te levou a fundar esta asociación?

A asociación fúndase logo de que eu me atopo bastante soa e abandonada nun proceso xudicial onde as probas eran todas dixitais. Podía recibir entre 80 e 90 chamadas nunha hora, ameazas a través de Whats App... E eu presentáballas á Policía e a única solución que me daban era que cambiara de número de teléfono, que o bloqueara, que deixara de usar redes sociais... Incluso facendo iso, el volvía conseguir o meu número e seguía ameazándome e acosándome. A Policía en ningún momento me axudou a terminar con isto. Por iso contactei cuns peritos informáticos que foron os que realmente me prestaron apoio. A raíz desta situación decidín montar unha asociación para axudar a persoas que o estiveran pasando igual de mal. Logo fomos crecendo e ampliando, pero ese é o afán principal da asociación. 

Encarni Iglesias Pereira, presidenta da Asociación Stop Violencia de Xénero Dixital e Directora do Observatorio de Violencia Dixital
Encarni Iglesias Pereira, presidenta da Asociación Stop Violencia de Xénero Dixital e Directora do Observatorio de Violencia Dixital | Fonte: remitida

Con que casos vos atopades de xeito máis habitual?

Hai moito programa espía como o Stalkerware, extorsións, suplantacións de identidade... Pero a maior parte son ameazas e control por parte do maltratador. No caso de violencia de xénero, exercida principalmente pola parella ou exparella. Mais nós tratamos todo tipo de violencia dixital, e neste sentido tamén vemos casos de control que exercen as mulleres. As redes usámolas todos, pero hai certos perfís que se repiten máis: adolescentes, que pasan máis tempo no móbil, e tamén moitas mulleres de entre 45 e 50 anos que vemos que están sendo tamén moi vítimas das redes sociais. 

A maioría das vítimas non saben por onde veñen os ataques. Moitas chegan dicindo que o maltratador sabe o que fai, onde, con quen... E non pensan que quizais poden ter intervidos os teléfonos. Noutras ocasións veñen pensando que os teñen intervidos e non; o que pasa é que temos un costume moi feo, derivado da falta de educación dixital, de dicir constantemente a través redes onde estamos e con quen.

Como axudades ás vítimas?

Cando acoden a nós asesorámolas e tratamos de explicarlles que están sendo vítimas dun delito que hai que denunciar aos corpos e forzas de seguridade. Derivámolas a profesionais que emiten un informe pericial -as evidencias dixitais son moi manipulares e deben ir acompañadas de certificacións de veracidade - para abrir un proceso xudicial, ou no caso de que xa estea aberto, nós ofrecemos acompañamento. Na asocación traballan avogados, traballadores sociais, enxeñeiros e peritos informáticos... 

As vítimas son conscientes de que se trata dun delito cando chegan?

Non, un dos problemas aos que nos enfrontamos é que a sociedade non ve aínda a violencia dixital como outro tipo de violencia como pode ser a física. É exactamente igual. O dano psicolóxico que se sofre é infinito, porque é constante, 24 horas ao día, 7 días á semana. E non ves o maltratador diante. A sensación de ansiedade e de estar en alerta e tensión constantemente causa un desgaste emocional grandísimo. Vives coa obsesión de que alguén está detrás vixiando todos os teus pasos, e non hai descanso. Non dis: 'agora estou na miña casa e estou segura'. Non me gusta dicilo porque parece alarmista, pero poden establecerse vínculos claros entre o aumento dos suicidios nas persoas adolescentes e as violencias que se exercen no ámbito dixital. 

Como é o camiño unha vez interpós unha denuncia? Custa chegar ao culpable?

Unha das cousas boas de Internet é que todo deixa unha pegada dixital, un principio e un final. Cando imos ao principio, coma se foramos tirando dun fío, atopamos o culpable. Porén, o proceso de chegar a ese principio é longo, moi caro e debe ser feito por persoas expertas.

Cumpriría reformar protocolos para ter en conta estas novas formas de violencia? En Galicia recóllese a violencia dixital dentro da violencia de xénero. 

Si, en Galicia tense en conta o compoñente de xénero. Por suposto que cómpre reformar protocolos. Cando falamos de que é totalmente necesario que calquera violencia dixital se denuncie é porque para pedir un endurecemento das leis, que agora mesmo son totalmente ridículas, precísanse estatísticas que reflictan a magnitude do problema. Só así conseguiremos que se dea máis formación aos xuíces e aos corpos de seguridade para saber formular a denuncia e plasmar as pegadas dixitais para que non sexan invalidadas. E é importante que a sociedade xeral teña en conta o que se pode facer e o que non se pode facer nas redes. Estamos neste mundo sen ter unha educación dixital mínima que nos leva a sufrir danos moi serios, pero que como son psicolóxicos non se ven. Vense co tempo.

Ultimamente vemos moitas persoas con proxección pública, sobre todo activistas, xornalistas ou políticas feministas, que abandonan as redes sociais. Como facemos para coidarnos e, ao mesmo tempo, que quen acose non consiga o seu obxectivo de expulsar as mulleres do espazo dixital?

Pedindo ás grandes plataformas que cumpran unhas mínimas pautas de seguridade e non permitan nin insultos nin difamacións. As grandes beneficiadas de todo isto están sendo as plataformas que están gañando auténticas millonadas á nosa costa. Non somos conscientes disto. Gozan de total impunidade tras xogar cos nosos datos e privacidade. Concienciar sobre a importancia disto tamén é outro labor que non se está facendo. Internet non é gratis, nós somos o produto. 

Quen adoita estar detrás desta violencia en redes?

En redes podemos ser todos e todas maltratadores nun momento dado, simplemente dando 'gústame' a unha publicación que non temos en conta que pode estar facendo dano a alguén. Hai mafias organizadas? Tamén, por exemplo na sextorsión ou sexting. 

Falabas antes da necesidade dunha educación dixital. Como o facemos?

Desde as escolas trátase o tema, pero hai un tipo de educación que é importante recibila na casa e a través de grandes campañas promocionais que son moi sinxelas. Cómpre entender que falamos dun delito coma outro calquera, que hai que denunciar e que estamos a tempo de paralizalos. Pero para iso temos que deixar de seguir pechando os ollos ante estas violencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta