Reclaman a oferta de vacantes de Atención Primaria a enfermeiras especialistas

AGEFEC denuncia a "escasa saída profesional das bolsas de Enfermería Familiar e Comunitaria" e pide a reconversión do 100% das prazas de enfermeira de Atención Primaria procedentes de xubilacións a prazas de especialistas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) reclama o recoñecemento da formación sanitaria especializada e solicita a reconversión das prazas de enfermeira de Atención Primaria a prazas de especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria.

Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico
Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico | Fonte: Europa Press.

Dado o inminente remate do período de formación de residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria da promoción 2020‐2022, a Asociación expón que un total de 34 enfermeiras especialistas no Servizo Galego de Saúde rematarán a especialidade tras dous anos de formación. "Un número nada despreciable que, de non ofertar vacantes para especialistas, serán desviadas a outros servizos, desperdiciando, así, todo o invertido na súa formación", sinalan nun comunicado.

Segundo explican, teñen coñecemento de compañeiras que "están fóra de Galicia soamente por mor da praza que obtiveron na elección para optar a formación sanitaria especializada (FSE), para as que sería un aliciente para voltar a Galicia". Tamén informan da existencia de enfermeiras especialistas que non traballan en Galicia pola "escasa saída profesional das bolsas de Enfermería Familiar e Comunitaria", polo que "a creación de novas oportunidades neste campo sería un incentivo para voltar". Segundo os datos manexados pola asocisción, máis dun 22% do persoal de enfermaría formado en Galicia emigra a outras comunidades.

Deste xeito, e dado o actual "déficit" de enfermeiras, dende AGEFEC aseguran que "o feito de que se dispoña de profesionais motivadas e formadas para traballar nun campo en concreto diminuiría esta problemática", e lembran que unha boa asistencia dende a Atención Primaria diminúe as asistencias a urxencias hospitalarias innecesarias e o número de ingresos evitables. A asociación pon o foco igualmente en que o aumento de residentes en formación nas diferentes áreas (só na área de Santiago de Compostela e Barbanza duplicouse) fai salientar a "escaseza de profesionais especialistas coa estabilidade necesaria para titorizalos".

Ante esta situación, veñen de solicitar a reconversión do 100% das prazas de enfermeira de Atención Primaria procedentes de xubilacións a prazas de especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria, e a "oferta" de todas as vacantes de Atención Primaria a persoal de enfermaría especialista en Familiar e Comunitaria. 

"Reclamamos o recoñecemento da formación especializada, xa que estas enfermeiras foron formadas nos diferentes centros de saúde galegos durante dous anos para ofertar unha mellor atención a cidadanía e, desa forma, seguir a actual liña de mellora da Atención Primaria", explica a Asociación, que lembra, así mesmo, que esta formación supón un custo individual de "preto de 60000 euros por residente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta